30 de set. de 2026

TOMIÑO

A V edición da Axenda de Impacto Saudable convida a coidarse con seis propostas de actividade física e benestar 

• O programa combina exercicio físico e andainas con actividades de cociña, botica natural e unha saída ás Termas de Salvaterra de Miño, nunha programación que se poderá desfrutar no centro e nas parroquias.  


Grupo de persoas que participan nas andainas semanais
Foto: CdeT

Infogauda/Tomiño 

 O Concello de Tomiño presenta a quinta edición da súa Axenda de Impacto Saudable con seis propostas que fan do coidado persoal unha oportunidade para manterse activo, aprender e compartir tempo con outras persoas, a través de actividades no centro e nas parroquias que animan a incorporar hábitos saudables ao día a día. 

 A programación combina propostas periódicas, que permiten manter unha rutina de exercicio e encontro, con obradoiros e saídas puntuais que achegan novas experiencias á veciñanza. Deste xeito, a axenda aborda o benestar desde distintas perspectivas, coa actividade física, a alimentación e as relacións sociais como fíos condutores. 

 Dentro das actividades regulares, o programa «Reactívate» ofrecerá sesións en Tomiño centro, Barrantes, Santa María de Tebra, San Salvador de Tebra, Goián e Sobrada, cun prezo de 25 euros ao mes no centro e de 10 euros nas parroquias. Os horarios poden consultarse na web municipal e a inscrición pode realizarse chamando ao 986 622 001. A esta proposta súmanse as andainas semanais, que sairán todos os xoves ás 09.30 horas dende o Centro de Saúde e serán gratuítas, sen necesidade de inscrición previa. 

 A atención ás persoas maiores terá tamén o seu espazo con sesións de mobilidade no Parque da Feira, todos os luns de outubro e novembro, de 11.30 a 12.20 horas. Esta actividade será de balde e contará con 15 prazas, con inscrición previa. Ademais, o sábado 17 de outubro celebrarase unha visita ás Termas de Salvaterra de Miño, con saída ás 15.30 horas e 55 prazas dispoñibles; a viaxe será gratuíta e a entrada ás instalacións terá un custo de 4 euros por persoa, que se aboará alí mesmo. 

 Os obradoiros permitirán explorar outros hábitos e coñecementos vinculados ao coidado persoal. O Mercado de Tomiño acollerá as sesións de cociña con proteínas vexetais os sábados 7 e 14 de novembro ás 11.00 horas, unha proposta gratuíta con 25 prazas; que será impartida por Tamara Alonso. Pola súa banda, o curso de botica natural desenvolverase na OMIX os días 4, 11 e 18 de decembro, de 19.00 a 21.45 horas, cun prezo de 15 euros. Ambas as actividades requiren inscrición previa. 

 Con esta quinta edición, o Concello dá continuidade a unha programación que busca facer do coidado unha parte da vida comunitaria, achegando á veciñanza oportunidades para moverse, aprender e relacionarse. A información sobre as actividades, os horarios e as inscricións pode consultarse en tomino.gal ou no teléfono 986 622 001.

Ningún comentario:

Publicar un comentario