BALONMÁN FEMININO
O Atlético Guardés comeza a súa nova singradura europea esta fin de semana ante os seus
• O pavillón da Sangriña acollerá este sábado e o domingo, a eliminatoria íntegra da Round 2 da EHF European League (12.00 horas ambos os días) ante o Boden sueco
• A convocatoria continúa con ausencias e algunha dúbida e espera sumar reforzos de base
Redacción Deportes/A Guarda
O Atlético Guardés enfróntase a unha fin de semana crave. As de José Ignacio Prades reciben este sábado e o domingo ao Handboll Boden sueco para xogar integramente a primeira eliminatoria da EHF European League ou Round 2, o primeiro asalto da súa nova aventura continental deste curso (sábado e domingo, 12.00 horas, A Sangriña). A convocatoria continúa con algunhas dúbidas e espera sumar reforzos da base. Ambos os partidos serán retransmitidos en directo na canle G2 e en agalega.gal.
O equipo baixomiñoto chega con ganas de seguir sumando, aínda que tocado polo ritmo competitivo. É difícil que un encontro tan físico como o deste martes en Lanzarote, en que o Zonzamas obrigou ás galegas para dar o 110% durante os 60 minutos, non pase factura dunha ou outro xeito, especialmente con pouco tempo de descanso e de preparación entre o seguinte reto. Os deste sábado e o domingo espérase que sexan partidos cunha dinámica similar no plano da esixencia de intensidade, aínda que, o mesmo que hai dous días nas Illas (24-26), o Atlético Guardés vai disposto a resistir o que lle boten e a tirar de carácter, experiencia, e tamén de bancada, para conseguir marcar a diferenza.
Así, chegando o mércores pola noite desa última viaxe ligueira, tanto onte xoves, como hoxe venres, a comitiva de Prades puido contar con dúas xornadas de preparación para este reto continental. Á alta concentración de duelos súmase, ademais, a dificultade engadida das indisposicións na convocatoria, pois Elena Martínez segue con molestias no xeonllo esquerdo e pendente de conclusións médicas definitivas, e hai dúbidas sobre a dispoñibilidade de África Sempere, dous factores que se suman á ausencia de María Cobo, que terá que esperar unhas semanas máis para volver ás pistas. Sumando todos eles, todo apunta a que o técnico baixomiñoto chamará a algún reforzo da base para nutrir unha convocatoria que debe aguantar dous partidos de alta esixencia en escasas 24 horas.
E é que se espera que o rival intente marcar o ritmo. O Boden, do norte de Suecia, defenderá un estilo de xogo diferente ao da liga española, moi físico e rápido con apoio das características do seu persoal, a gran maioría nativa do país nórdico e doutras zonas da parte máis boreal do continente: conta con xogadoras grandes, altas e fortes, e durante o verán realizou fichaxes enfocadas precisamente no éxito nesta competición.
O seu principal hándicap a ter en conta, en cambio, será a maior desvantaxe que xerou o seu calendario: chegaron onte xoves á Guarda despois dun longo itinerario de voos, autobuses e trens para desprazarse desde Partille, municipio no que ademais xogaron o mércores pola noite. A competición sueca, ademais, comeza moito máis tarde que en España, de xeito que o de hai dous días foi o seu primeiro encontro de Liga nacional, mentres que o Atlético Guardés conta xa con case dous meses de rodaxe ás costas. En canto ao seu desempeño inicial, o Boden caeu o mércores sen moitas opcións ante o IK Sävehof, actual campión, mesmo rival que as eliminou da Copa Sueca na fase de oitavos de final a comezos de setembro. Con todo, non cabe dúbida de que se trata dun rival de alto nivel, procedente dunha tradición de balonmán seria e con capacidade de disputar moitos títulos, que fará todo o posible por que o seu paso pola Guarda sexa máis que lembrado.
José Ignacio Prades: “Intentaremos que a xente veña e poida botarnos un cable para competirlles de ti a ti ao equipo sueco”
O adestrador do Atlético Guardés, José Ignacio Prades, define esta fin de semana na Sangriña como “apaixonante”, froito deses “dous partidos realmente moi duros e complexos, ante un rival que este ano apostou por facer un gran equipo e por ter xogadoras de alto nivel”. O obxectivo do conxunto nórdico que trasladan os seus últimos movementos de mercado, explica o técnico, é reunir os efectivos (fichando ao adestrador do último campión e a algunhas xogadoras danesas da Champions, por exemplo) para poder disputar o título ligueiro sueco e para “competir con garantías en Europa”.
Polo xeral, froito de todo iso, Prades espera un rival “moi físico e que esixe moito”, caracterizado por ter “moitísima velocidade nas transicións e por ser moi potente, sobre todo no lanzamento exterior”. Un conxunto de factores que obrigan ás súas a “ter que traballar moi duro” en ambos os encontros, chamando ao apoio da súa afección e a intentar “que a xente veña, que nos poidan apoiar e botar un cable para intentar competirlles de ti a ti ao equipo sueco e ver que nos depara esta eliminatoria”.
AXENDA
EHF European League | Round 2 – Ida
Boden Handboll IF – Balonmán Atlético Guardés
Sábado, 3 de outubro | 12.00 horas | A Sangriña
Retransmitido en directo por televisión na cadea G2 e en transmisión en continuo a través de agalega.gal
EHF European League | Round 2 – Volta
Balonmán Atlético Guardés – Boden Handboll IF
Domingo, 4 de outubro | 12.00 horas | A Sangriña
Retransmitido en directo por televisión na cadea G2 e en transmisión en continuo a través de agalega.gal

Ningún comentario:
Publicar un comentario