17 de set. de 2026

A GUARDA

A OMIX DA GUARDA PRESENTA A SÚA NOVA AXENDA OUTONO/INVERNO 2026 CUNHA AMPLA PROGRAMACIÓN PARA A MOCIDADE   


O alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero e o concelleiro de Facenda, Administración Local, Medioambiente e Biodiversidade, Óscar Alonso Álvarez, na presentación da nova Axenda Outono/Inverno 2026, da OMIX do Concello da Guarda
Foto: CAG

Infogauda/A Guarda 

 A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello da Guarda presentou hoxe a súa nova Axenda Outono/Inverno 2026, unha programación que busca ofrecer alternativas de lecer, formación e participación para diferentes idades e intereses.  

 En outubro arranca a programación de Tardeo, uns obradoiros que se organizan en colaboración coas asociacións da Guarda. Incluídos neste programa poderemos gozar durante os meses de outubro e novembro das actividades:  

Billar a tres bandas ou de carambola (3 de outubro, Recreo Artístico Guardés) 

Customiza as túas zapatillas (10 de outubro, Asociación Érguete Baixo Miño) 

Porcelana fría (17 de outubro, Asociación Transmiño) 

Maquillaxe (23 de outubro, Dansá) 

Flores con lazos de cores (7 de novembro, Asociación Virxe da Guía)  

 A axenda inclúe tamén os obradoiros de álbums de recortes, o 24 de outubro de 10:00 a 13:00 horas, e elaboración de velas, o 28 de novembro no mesmo horario.  

 Para a Infancia están previstas dúas propostas: o campamento Concilia Nadal e un obradoiro de teatro, que terá lugar todos os martes durante o curso escolar, de 16:00 a 17:30 horas, con inscrición aberta durante o mes de outubro.  

 No apartado Xuventude a máis, destinado á mocidade de 16 a 35 anos, ofreceranse obradoiros de adestramento canino, DJ e edición de vídeo e fotografía, cunha duración de 20 horas cada un.  

 Finalmente, a área de Mocidade incorpora a Rede Xove, un grupo de participación xuvenil vinculado ao IES A Sangriña, e o obradoiro de cómic “A violencia do cotián”, que incluirá unha exposición dos traballos realizados.  

 A apertura de inscricións e máis información das actividades irase avisando a través da web e redes do Concello. Ademais, proximamente haberá dispoñibles axendas físicas na OMIX da Guarda para ter a man todas as datas das próximas actividades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario