17 de set. de 2026

A GUARDA

O BNG da Guarda acusa ao alcalde de desatender os problemas  da veciñanza que tapa con propaganda  

Anxo Lois Baz (BNG): Roberto Carrero atribúese  fondos doutras administracións que xa estaban concedidos antes de chegar á alcaldía

   

Anxo Lois Baz Vicente, portavoz do BNG na Guarda, xunto a unha pasarela de madeira que presenta un evidente estado de abandono
Foto: BNG 

Infogauda/A Guarda

 O portavoz do BNG na Guarda, Anxo Lois Baz Vicente, acusou hoxe ao alcalde, Roberto José Álvarez Carrero, de "ignorar os problemas reais da veciñanza" e de desatender as necesidades máis básicas dos habitantes do municipio. Segundo o Bloque, o rexedor amosa unha "total incapacidade" para xestionar o día a día da vila, mentres se centra en exclusiva nunha estratexia de propaganda. 

 Anxo Lois Baz sinalou o evidente deterioro dos servizos públicos, denunciando que as rúas da Guarda están "cada vez máis sucias, cheas de fochancas e sen papeleiras". Para o portavoz nacionalista, esta falta de xestión diaria convive cunha ausencia absoluta de plans a longo prazo: “Roberto Carrero carece de proxectos de futuro. En todo o mandato foi incapaz de dar un só paso para ofrecer terreos á Xunta destinados á construción de vivenda pública, o auditorio, o centro de día ou o tan anunciado CIS, mentres a veciñanza permanece abandonada nos seus problemas”.  

 O nacionalista foi especialmente duro respecto á recente presentación dos orzamentos municipais. Baz recriminou ao alcalde  que intente "disimular a súa ineficacia" atribuíndose de xeito "fraudulento" a captación "de case 4 millóns de euros procedentes doutras administracións cando en realidade son fondos que xa estaban concedidos antes de que Carrero chegase á alcaldía", matizou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario