30 de set. de 2026

A GUARDA

O CONCELLO DA GUARDA OFRECE UN ANO MÁIS, OBRADOIROS DE TEATRO INFANTIL  

• As inscricións poden realizarse entre o 1 e o 19 de outubro nesta ligazón ou no teléfono 698 193 950 (Juan)  



Infogauda/A Guarda

 Tralo éxito do curso pasado, abren de novo as inscricións para nenas e nenos da Guarda en obradoiros teatrais, e volverá a contar coa asociación FOCO para facilitalos.  

 A través desta colaboración, a rapazada entre 6 e 12 anos terá a posibilidade de aprender, crear, experimentar e divertirse a través do teatro. Os obradoiros serán no Centro Cultural da Guarda, os martes de 16:00 a 17:30 horas, e comezarán no mes de novembro.   

 A proposta parte da idea de que a infancia ten moito que dicir e moito que facer, e é importante que protagonicen e lideren iniciativas culturais dende ben pequenas e pequenos. Por iso, é a propia cativada quen marca o rumbo do proceso, cos seus intereses, as súas dúbidas e as súas ganas de xogar. Nas sesións as participantes conviven, exploran, inventan e crean en grupo, e descobren que a súa imaxinación ten valor.  

 Nestes obradoiros, o enfoque estará no protagonismo infantil, a calidade artística das propostas, a aposta pola diversidade e a creación de espazos sociais alternativos, entendendo o teatro como unha ferramenta de cambio, e as nenas e nenos como axentes culturais de pleno dereito, con identidade propia e capacidade de transformar a contorna.  

 As inscricións poden realizarse entre o 1 e o 19 de outubro mediante este formulario ou por teléfono ou correo electrónico. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario