25 de set. de 2026

A GUARDA

Érguete Baixo Miño presenta a súa Guía de Programas de Prevención Escolar e Familiar para o curso 2026/27, con dous novos programas baseados na evidencia en prevención 

• A asociación incorpora neste curso EmPeCemos e Construíndo Saúde, dous programas avalados pola Consellería de Sanidade, á súa oferta gratuíta para os centros educativos de A Guarda, Tomiño, O Rosal e Oia 


Infogauda/A Guarda 

 A Asociación Érguete Baixo Miño presenta a súa Guía de Programas Escolares e Familiares para a Prevención de Condutas Aditivas para o curso 2026/27, dirixida aos centros educativos da comarca do Baixo Miño. Dese xeito, un ano máis, a asociación pon a disposición dos centros de A Guarda, Tomiño, O Rosal e Oia un conxunto de programas de intervención preventiva de carácter gratuíto, destinados ao alumnado, profesorado e familias. 

 Como novidade destacada deste curso, Érguete Baixo Miño incorpora dous novos programas que forman parte da carteira de servizos do Plan de Galicia sobre Drogas e que están avalados pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia: EmPeCemos, dirixido ao alumnado dos primeiros cursos de Educación Primaria, e Construíndo Saúde, orientado ao alumnado dos primeiros cursos da ESO. 

 Como apoio continuo ao resto das accións, o persoal da Asociación Érguete imparte os Talleres de Intervencións Socioeducativas na Aula, nos que se tratan de xeito práctico e dinámico temáticas de gran relevancia actual en idades temperás. Nestes obradoiros abórdanse cuestións clave como a xestión emocional, a comunicación asertiva, a resolución de conflitos, a presión de grupo ou o lecer saudable, axustándose ás necesidades de cada grupo. A esta liña de traballo súmanse o Programa Non pasa Nada, pasa Algo? Para a prevención do consumo de drogas e o Programa Ludo Libre para a prevención do xogo de azar, consolidándose como servizos altamente demandados e de gran éxito na comarca. 

 Ademais, Érguete Baixo Miño mantén a súa oferta de Formación para Familias orientada ao fortalecemento das habilidades parentais, a mellora da comunicación familiar e a adquisición de pautas de actuación eficaces ante situacións relacionadas coas condutas adictivas. 

 Todos os programas son completamente gratuítos para os centros educativos e están financiados pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e polas cotas das persoas socias da Asociación. 

 Os centros interesados poden solicitar máis información a través do correo electrónico info@erguete.org ou nos teléfonos 986 614 407 – 640 086 376 

Ningún comentario:

Publicar un comentario