A catedral de Tui estrea iluminación este sábado
• O Concello de Tui e Galicia Suroeste celebran un acto de inauguración da renovada iluminación
• O proxecto pon en valor un dos monumentos mais emblemáticos do patrimonio galego
Eva María Gil Solla/Tui
A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste e o concello de Tui realizarán este sábado 27 o acto inaugural da renovada iluminación eficiente e artística da catedral de Santa María de Tui.
O proxecto que transforma a paisaxe nocturna da contorna e pon en valor un dos monumentos mais emblemáticos do patrimonio galego, combina tecnoloxía LED de última xeración con criterios de eficiencia enerxética, conservación patrimonial e realce artístico.
A cita será a partir das 22:30 horas, con ambientación musical na praza e as intervencións do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; a presidenta de Galicia Suroeste e alcaldesa de Tomiño, Sandra González; a representante institucional do xeodestino e alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández; e os arquitectos que formaron parte do equipo da intervención, Manuel M. Carazo, presidente do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) en Vigo e redactor do proxecto e Rubén Martín, arquitecto tudense quen dirixiu a execución.
As persoas asistentes poderán coñecer finalmente nesa noite a nova iluminación, que marca un antes e un despois na forma de descubrir a catedral, reforzando a identidade cultural de Tui e o seu posicionamento na vangarda da iluminación monumental eficiente, cun deseño pensado para emocionar e para garantir a conservación do monumento ao longo prazo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario