19 de xuño de 2026

DEPORTES

O CONCELLO DA GUARDA ORGANIZA UNHA RECEPCIÓN OFICIAL Á ARQUEIRA VALENTINA ÁLVAREZ BARROS, CAMPIOA DA CATEGORÍA CUB FU DO OPEN PORTUGAL IFAA 2026 

 Que se celebrará o vindeiro luns, 22 de xuño, ás 19:00 horas na Casa do Concello


Valentina Álvarez Barros, arqueira pertencente ao Club Arco Trasno, vén de proclamarse campioa da categoría CUB FU no Open Portugal IFAA 2026
Foto: Cedida

Redacción Deportes/A Guarda 

 O Concello da Guarda celebrará o vindeiro luns 22 de xuño, ás 19:00 horas, unha recepción oficial na Casa do Concello para recoñecer os destacados logros acadados pola deportista guardesa Valentina Álvarez Barros no ámbito do tiro con arco. 

 A arqueira, pertencente ao Club Arco Trasno, vén de proclamarse campioa da categoría CUB FU no Open Portugal IFAA 2026, celebrado recentemente na localidade portuguesa de Óbidos. Este campionato forma parte do Gran Trofeo Ibérico, unha das competicións de referencia da disciplina, que reúne participantes de toda a Península Ibérica e que destaca pola súa elevada esixencia técnica. 

 A proba desenvolveuse a través de tres percorridos diferentes nos que a precisión, a concentración e a regularidade resultan determinantes para acadar os mellores resultados. Valentina Álvarez conseguiu superar con éxito este reto, subindo ao máis alto do podio e sumando un novo fito á súa traxectoria deportiva. 

 Con esta recepción oficial, o Concello da Guarda quere poñer en valor o esforzo e a dedicación da deportista guardesa, ademais da propia práctica do tiro con arco. 

 A recepción estará aberta á asistencia de familiares, amizades, representantes do tecido deportivo local e veciñanza que desexe acompañar á campioa neste acto de recoñecemento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario