9 de xuño de 2026

A GUARDA

A FORTALEZA DE SANTA CRUZ ACOLLERÁ A III FESTA MIUDIÑA CON PRETO DE 800 ESCOLANTES DOS CENTROS EDUCATIVOS DA GUARDA  

A xornada de convivencia contará con actividades plásticas, xogos, inchables, actuacións e propostas sorpresa para o alumnado de infantil e primaria dos centros educativos do municipio  


Un momento da edición precedente da Festa Miudiña
Foto: CAG

Infogauda/A Guarda

 O Concello da Guarda celebrará o vindeiro 18 de xuño a III edición da Festa Miudiña, unha iniciativa de lecer e convivencia dirixida ao alumnado de educación infantil e primaria de todos os centros educativos do municipio.   

 Nesta edición participarán preto de 800 nenos e nenas, que se reunirán na Fortaleza de Santa Cruz para desfrutar dunha mañá chea de actividades e propostas lúdicas pensadas especialmente para os máis pequenos.   

 A xornada dará comezo ás 9:00 horas e prolongarase ata aproximadamente ás 13:30 horas. Durante toda a mañá, as crianzas poderán gozar de actividades plásticas, xogos dinámicos, inchables, actuacións e distintas actividades sorpresa nun ambiente de diversión, convivencia e participación.   

 Ademais, a media mañá terá lugar unha merenda de convivencia na que participarán todos os centros educativos asistentes, favorecendo así o encontro e a relación entre o alumnado dos diferentes colexios do municipio.   

 A Festa Miudiña está organizada pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello da Guarda en colaboración con Alalá Sociedade Cooperativa, AGA Formación, Diviertt e A Esgalha, entidades que participarán no desenvolvemento das diferentes actividades programadas. Así mesmo, esta iniciativa para os máis pequenos conta co financiamento do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.   

 Desde o Concello da Guarda destacan a importancia de impulsar iniciativas que fomenten a convivencia entre o alumnado dos distintos centros educativos do municipio, creando espazos de encontro, lecer e socialización nun entorno seguro e participativo.   

 Así mesmo, infórmase de que, con motivo da celebración da III Festa Miudiña, o acceso a Fortaleza de Santa Cruz permanecerá pechado durante a mañá do 18 de xuño.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario