A VI EDICIÓN DO OPEN DE PETANCA CONCELLO DA GUARDA CHEGARÁ CON 39 EQUIPOS GALEGOS E PORTUGUESES
• O torneo, organizado polo Club de Petanca O Caldeiro en colaboración co Concello da Guarda, celebrarase este sábado, 13 de xuño, nas pistas do Codesal
Infogauda/A Guarda
Hoxe tivo lugar nas pistas de petanca do Codesal a presentación oficial do VI Open de Petanca Concello da Guarda, unha cita xa consolidada dentro do calendario deportivo local e que reunirá este sábado, 13 de xuño a xogadores e xogadoras de Galicia e Portugal.
Na acto estiveron presentes o alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, e os concelleiros Celso Rodríguez Fariñas e Isidro Lomba Lorenzo, acompañando aos membros do Club de Petanca O Caldeiro na presentación desta nova edición do torneo.
O Open está organizado polo Club de Petanca O Caldeiro en colaboración co Concello da Guarda e disputarase ao longo de toda a xornada nas pistas do Codesal, coa participación dun total de 39 equipos e preto de 160 persoas.
A competición arrancará ás 9:00 horas e prolongarase ata aproximadamente as 19:30 horas, momento no que se coñecerá a nova tripleta gañadora desta sexta edición.
O Club de Petanca O Caldeiro leva anos impulsando a práctica da petanca na Guarda, fomentando entre a veciñanza unha actividade deportiva que promove tanto a socialización como os hábitos de vida saudables. A entidade converteuse nun referente local á hora de dinamizar este deporte e favorecer a participación de persoas de diferentes idades.
O VI Open de Petanca Concello da Guarda volverá converter as pistas nun punto de encontro para a convivencia, o deporte e o intercambio entre equipos galegos e portugueses nun ambiente de compañeirismo e deportividade.

Ningún comentario:
Publicar un comentario