25 de maio de 2026

DEPORTES

ATLETISMO

SERGIO SILVA SOUTO E ALBA VASCONCELLOS RODRÍGUEZ, COLLEITARON O OURO E O BRONCE, RESPECTIVAMENTE

 No campionato de Galicia Sub16 (Lugo) de pista ao aire libre 


Sergio Silva Souto e Alba Vasconcellos Rodríguez coas súas medallas de ouro e bronce, respectivamente
Foto: SAdoT



Redacción Deportes/O Baixo Miño

 A canteira da Sociedade Atlética do Trega segue xerando grandes noticias deportivas. Esta pasada fin de semana, as pistas de atletismo Gregorio Pérez Rivera, de Lugo, acolleron o Campionato de Galicia Sub16 de pista ao aire libre, última gran cita autonómica da tempada, onde Sergio Silva Souto e Alba Vasconcellos Rodríguez convertéronse en dous dos nomes propios no medio fondo e fondo do campionato. 

 O tomiñés Sergio Silva Souto confirmou o enorme momento de forma que atravesa proclamándose campión galego dos 3.000 metros lisos. O atleta da Sociedade Atlética do Trega chegaba á competición como líder da clasificación galega cunha mellor marca de 9.06.81 e defendeu a súa condición de favorito con autoridade para colgarse a medalla de ouro e traer o título autonómico para Tomiño. 

 O éxito de Sergio ten aínda máis mérito ao tratarse do seu primeiro ano na categoría cadete, competindo fronte a atletas de maior idade e experiencia. Desde o club Sociedade Atlética do Trega destacan a seguridade e madureza competitiva mostradas durante toda a tempada, confirmando unha progresión que xa viña apuntando desde categorías inferiores. 

 A súa campaña 2025-2026 está a ser sobresaliente. Pechou o pasado inverno coa marca de Galicia infantil de 1.000 metros en pista cuberta con 2.45.80, logrado o 27 de decembro de 2025. Xa en categoría cadete, conquistou tamén a marca galega de 5 quilómetros en roteiro con 16.25 o 22 de marzo de 2026. Ademais, foi subcampión galego de 3.000 metros en pista cuberta o 22 de febreiro, medalla de bronce autonómica en 1.000 metros o 12 de abril con 2.45, e conseguiu unha meritoria 12ª posición no Campionato de España de pista cuberta celebrado en Salamanca o 7 de marzo. 

 Agora, Sergio poñerá o broche á tempada no Campionato de España Sub16, que se disputará os días 6 e 7 de xuño na Nucía (Alacante), onde competirá nos 3.000 metros lisos avalado pola súa mellor marca persoal de 9.06.81 e intentará seguir crecendo entre os mellores especialistas nacionais. 

 Pola súa banda, Alba Vasconcellos Rodríguez, de A Guarda, volveu demostrar a súa enorme proxección no medio fondo feminino, onde asinou unha brillante actuación na final dos 1.000 metros lisos, logrando a medalla de bronce cun tempo de 3.06.20. 

 Alba, tamén debutante este ano na categoría cadete, está a completar igualmente unha tempada moi salientable. A atleta guardesa foi medalla de bronce por equipos coa selección galega no Campionato de España de Cros por autonomías disputado en Córdoba, alén de proclamarse subcampioa galega de 3.000 metros en pista cuberta en Ourense cun rexistro de 10.41.67. 

 A iso suma tamén a súa participación como S.F. 3 (Semifinal da serie 3) no Campionato de España de pista cuberta celebrado en Salamanca, onde competiu nos 1.000 metros e detivo o crono en 3.11.69. Agora permanece á espera de coñecer se poderá acceder ao Campionato de España grazas á mínima B conseguida con 3.04.75. 

 Desde a Sociedade Atlética do Trega mostraron o seu orgullo polo traballo e crecemento de ambos os dous atletas durante toda a tempada, destacando a súa disciplina, compromiso e capacidade de sacrificio, alén de desexar que tanto Sergio como Alba - as novas sensacións - poidan finalmente estar presentes no nacional e seguir cumprindo soños deportivos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario