Ormaluga e a Confraría da Guarda organizan unha charla sobre seguros marítimos para mellorar a protección da frota
Rubén Adrover e Manuel Ignacio Carballal*/A Guarda
A Organización de Mariñeiros/as Luso Galaica – Ormaluga- e a Confraría Santa Tecla da Guarda organizamos o vindeiro mércores 27 de maio ás 18:00 horas unha charla dirixida a profesionais do mar para abordar cuestións clave relacionadas cos seguros marítimos, as coberturas e a xestión de sinistros. Terá lugar na sede da Confraría.
A sesión contará coa participación de representantes de Murimar Seguros, entidade especializada en seguros orientados especificamente ao sector marítimo-pesqueiro, que explicarán de maneira práctica os principais aspectos das pólizas marítimas, as garantías máis importantes, os dereitos das persoas aseguradas e os pasos a seguir no caso de accidente ou sinistro.
Para nós trátase dun tema especialmente relevante para a frota guardesa e do norte de Portugal, un territorio especialmente exposto ás inclemencias meteorolóxicas e ao mar aberto, onde as condicións de traballo adoitan ser máis duras e as posibilidades de sufrir incidencias son maiores. Por iso consideramos fundamental que o sector conte coa máxima información á hora de contratar un seguro e coñezamos en detalle as nosas coberturas co obxectivo de traballar nas mellores condicións de protección e seguridade.
Esta iniciativa enmárcase no Plan de Producción e Comercialización de Ormaluga, que ten entre os seus obxectivos estratéxicos avanzar na profesionalización do sector e mellorar a xestión empresarial das pequenas unidades produtivas dedicadas á pesca e ao marisqueo artesanal.
A charla chega ademais nun momento especialmente delicado para a frota guardesa. No que vai de ano, producíronse dous accidentes graves, unha situación que non pode desligarse da rixidez do actual marco normativo que regula a actividade pesqueira en Galicia. Desde hai anos reclamamos unha modificación deste regulamento para adaptalo á realidade do sector e ás condicións do mar ás que nos enfrontamos diariamente. Mentres noutras comunidades autónomas existe unha maior sensibilidade para axustar os calendarios de traballo ás condicións meteorolóxicas, aquí mantense unha normativa ríxida que obriga á frota a concentrar a actividade de luns a venres e a permanecer sistematicamente amarrada durante as fins de semana, independentemente do estado do mar.
Esta situación provoca que, en moitas ocasións, os mariñeiros e mariñeiras se vexan obrigados a asumir máis riscos dos razoables para poder garantir uns ingresos dignos a final de mes. Lembremos que a comezos deste ano houbo embarcacións que sufriron perdas de facturación superiores ao 80%, mentres a Administración segue sen ofrecer solucións que vaian máis aló de anuncios carentes de contido.
Recentemente, na Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia, o Partido Popular rexeitou incluso estudar a posibilidade de modificar este regulamento. A excusa utilizada foi que “o sector” non considera necesaria esa reforma. Desde Ormaluga e a Confraría da Guarda preguntámonos de que sector están a falar, porque nin a Consellería nin as Federacións contactaron coas entidades máis afectadas por esta problemática, que somos precisamente as que operamos en mar aberto, como a frota da Guarda. Permítense falar no noso nome sen facer o máis mínimo esforzo por escoitar ás e ós profesionais que saen a mar aberto todos os días e coñecen de primeira man os riscos e dificultades da actividade. Pero xa nada nos soprende: nin sequera os dous accidentes graves que sufrimos na Guarda a comezos de ano foron suficientes para que nin a Consellería nin as Federacións se puxeran en contacto coa Guarda para, como mínimo, se interesar pola saúde dos afectados.
No entanto, mentres esas reformas non chegan, desde Ormaluga e a Confraría da Guarda seguiremos impulsando accións formativas e informativas como esta charla sobre seguros marítimos, orientadas a mellorar a preparación, a protección e a seguridade das persoas que viven do mar.
* Patrón Maior da Confraría de Pescadores Santa Tecla e presidente da Organización de Mariñeiros/as Luso Galaica – Ormaluga, respectivamente

Ningún comentario:
Publicar un comentario