25 de maio de 2026

A GUARDA

A GUARDA VOLVERÁ VESTIR AS SÚAS RÚAS DE COR COAS ALFOMBRAS FLORAIS NA HONRA DO SANTÍSIMO  

O cartel desta edición, elaborado por Iria Lorenzo Piñeiro, foi elixido a través dun concurso realizado en colaboración cos centros educativos   


Vista dunha das alfombras na honra do Santísimo, nunha edición precedente
Foto: Infogauda

Infogauda/A Guarda

A Guarda prepárase para vivir unha das súas celebracións máis emblemáticas, o Corpus Christi coas alfombras florais e de sal, na honra do Santísimo Sacramento, unha tradición que grazas a participación veciñal, cada en cada edición viste as rúas da vila de arte floral, beleza e colorido, e  que este ano terá lugar o domingo 7 de xuño.   

 As asociacións, veciños e familiares traballan dende fai varias semanas nos preparativos dunha celebración que pasa de xeración en xeración e que forma parte da identidade cultural guardesa. Dese xeito, un ano máis, as alfombras florais, converterán as rúas do municipio nun gran lenzo efémero elaborado con flores, sal tinguida, café e outros elementos naturais.   

 A elaboración das alfombras comezará na noite do sábado, prolongándose ata a mañá do domingo, momento no que veciños e visitantes poderán desfrutar dos diferentes deseños realizados ao longo das rúas da vila. Pola tarde celebrarase a misa ás 17:30 horas e a continuación a procesión sobre as tradicionais alfombras florais.   

 Cada ano, os deseños sorprenden pola súa creatividade e variedade temática, combinando motivos de inspiración relixiosa, ornamentais e sociais, nun traballo colectivo no que participan persoas de todas as idades. Precisamente, este carácter interxeracional é un dos grandes valores desta tradición, que continúa viva grazas á implicación das asociacións e de toda a veciñanza.   

 A procesión dirixirase da igrexa parroquial á praza do Reló, para pasar pola rúa Ignacio Sobrino e rúa Oliva e seguir por Hernán Cortés. Alí baixarán polas escaleiras da praza José María Lomba para continuar pola rúa Malteses, A Ribeira e Concepción Arenal ata a rúa Brasilino Álvarez Sobrino e subir pola rúa Antonio Alonso, ata a igrexa parroquial. 

 Nos vindeiros días daranse a coñecer tamén as afectacións ao tráfico derivadas da celebración.  

Iria Lorenzo Piñeiro, autora do cartel anunciador

 Como xa informamos en días precedentes, este ano o cartel anunciador do Corpus Christi naceu dun concurso realizado en colaboración cos centros educativos da Guarda, reforzando así o vínculo da mocidade con esta tradición tan especial.



  

 Os centros participantes foron os colexios CPR Padres Somascos – Fundación Edúcere, Colexio San José – Hermanas Carmelitas A Guarda, C.E.I.P. Plurilingüe As Solanas - Nicolás Gutiérrez Campo e CEIP Manuel Rodríguez Sinde, aos que se quere agradecer especialmente a súa implicación e entusiasmo.   

 O xurado encargado de seleccionar os traballos estivo formado por Mili Baz Vicente, expresidenta da Asociación Cultural Alfombras da Guarda; Emilio Baz Pacheco, fotógrafo guardés; e Patricia Cuña Delgado, técnica da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello da Guarda.

 A gañadora do certame foi Iria Lorenzo Piñeiro, e como tal, autora do cartel desta edición do Corpus Christi 2026, e as finalistas foron Amelia Villa Arzúa e Martina Baz Lomba.

Ningún comentario:

Publicar un comentario