15 de abr. de 2026

TUI

A exposición sobre os sambenitos da catedral de Tui poderá visitarse en Ávila 

•  A  Sala de Exposicións do Auditorio de San Francisco acolle a mostra que conta coa colaboración da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad  




Infogauda / Tui

 A exposición sobre a colección de sambenitos da catedral de Tui continúa o seu percorrido e dende mañá poderá visitarse en Ávila.    

 Esta mostra itinerante comezou a súa andaina no Centro Sefarad-Israel de Madrid, onde se puido visitar do 22 de xaneiro ao 8 de febreiro. Dende aí viaxou, o  pasado mes de marzo, a Llerena (Badaxoz) e neste mes de abril continúa  agora ata Ávila, a histórica cidade de Castela e León que tamén forma parte da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad.  

 A Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de San Francisco, da cidade abulense, acollerá esta mostra, composta pola reprodución das catorce pezas téxtiles procedentes do Museo Diocesano de Tui, que constitúe unha fonte histórica de enorme valor e un dos testemuños máis directos e escasos da actividade inquisitorial.  

 A través dos sambenitos, a exposición propón un percorrido polo contexto social e relixioso da Galicia do século XVII, a actuación do tribunal inquisitorial e as dinámicas de persecución e sinalización que marcaron a vida de conversos, familias xudías e comunidades locais.  

 A inauguración da exposición terá lugar este xoves, 16 de abril ás 11.00 horas, e ás 19.30 horas no Auditorio de San Francisco de Ávila terá lugar unha conferencia a cargo do comisario da exposición, o historiador Rafael Sánchez Bargiela. A visita á mostra  será gratuíta.  

 A concelleira de Turismo e patrimonio, Ana María Núñez Álvarez, sinala  que esta exposición sobre os sambenitos da catedral de Tui, logo da excepcional acollida que tivo na sede do Centro Sefarad-Israel de Madrid e en Llerena, chega ata Ávila, unha cidade tamén pertencente á Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad. A exposición, engade a concelleira, non só contribúe a difusión destas pezas do patrimonio tudense senón que é unha oportunidade para a promoción dos valores patrimoniais e turísticos da cidade de Tui.  

 Aproveitando estas actividades terá lugar un encontro institucional entre o alcalde de Ávila, Jesús Manuel Sánchez Cabrera, e o rexedor tudense, Enrique Cabaleiro González, que se despraza ata aquela cidade para presentar esta exposición.

Ningún comentario:

Publicar un comentario