A Deputación recomenda iniciar os primeiros tratamentos antimildio ante a previsión de choivas e o fin do período de incubación
O persoal técnico de Areeiro sinala que aínda non se detectaron síntomas nas viñas, pero advirte de que as condicións recentes e os modelos de previsión apuntan a súa aparición inminente
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra, a través dun novo aviso fitosanitario da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, informa de que as condicións climatolóxicas rexistradas nos últimos días, con precipitacións e episodios puntuais de calor e bochorno, favoreceron un escenario de risco para o desenvolvemento do mildio na viña. Se ben polo momento non se detectaron síntomas da enfermidade nas parcelas controladas nin se recibiron avisos doutros predios, a aparición de manchas podería producirse de maneira inminente en todas as comarcas vitivinícolas da provincia.
Ante esta situación, o persoal técnico recomenda realizar a primeira intervención antimildio da campaña nas parcelas máis desenvolvidas, especialmente tendo en conta as previsións de novas precipitacións para a primeira metade desta próxima semana. En moitas viñas xa se efectuaron tratamentos, aínda que se advirte de que nalgúns casos se realizaron con vento, o que reduce a eficacia das aplicacións e supón un incumprimento da normativa vixente, ademais dun risco para as persoas e o medio. Nestes casos, así como nas parcelas onde non se tratou ou non se realiza seguimento específico, recoméndase intervir para garantir a protección do cultivo.
A Deputación lembra a importancia de respectar en todo momento as boas prácticas fitosanitarias, evitando tratamentos en condicións meteorolóxicas adversas e asegurando unha aplicación axeitada para maximizar a eficacia e minimizar o impacto ambiental. Ademais, en canto a outras incidencias na viña, o organismo observou síntomas de erinose na maioría dos predios, aínda que nas viñas adultas non adoita ser preciso tratamento, salvo en casos graves en plantas novas. Tamén se detectaron danos puntuais por caracois e roturas de follas tenras a causa do vento, sen relevancia xeral.
No caso do pexegueiro, a Deputación advirte da presenza de síntomas de lepra en moitas árbores, unha enfermidade endémica que require tratamentos preventivos con cobre durante o inverno e no inchado de xemas. Na situación actual, recoméndase aplicar tratamentos para frear o avance do fungo, especialmente nun contexto de inestabilidade meteorolóxica.
Respecto ao buxo, obsérvase un avance no desenvolvemento das eirugas da bolboreta (Cydalima perspectalis), o que pode incrementar a defoliación das plantas. Aínda que as previsións apuntan a temperaturas baixas e precipitacións nos próximos días, o que limitaría os danos, recoméndase manter a vixilancia, sobre todo en plantas pequenas ou debilitadas, e actuar se se detectan síntomas significativos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario