13 de abr. de 2026

O ROSAL

O Rosal aprende a escoitar a natureza cos seus exitosos roteiros ‘A lingua das aves’   

 As persoas participantes aprenderon a identificar máis de 20 especies polo seu canto nunha experiencia que combinou natureza, aprendizaxe e sensibilización ambiental 


Acompañados por Lorena Franco, de Biophilia, e Manuel Sobrino (Manu), de El Naturalista Cojo, persoas de todas as idades aprenderon a identificar ás máis de 20 especies de aves atopadas durante o percorrido a través dos seus cantos

Foto: C.O.R.
 

Infogauda / O Rosal

 Grande éxito da terceira edición do roteiro ‘A lingua das aves’. Ante a alta demanda, o Concello tivo que organizar dúas quendas desta saída ornitolóxica na que as persoas participantes aprenderon a escoitar os sons da primavera convertendo a Senda de Pescadores do río Tamuxe nunha grande aula ao aire libre. 

 Acompañados por Lorena Franco, de Biophilia, e Manuel Sobrino (Manu), de El Naturalista Cojo, persoas de todas as idades aprenderon a identificar ás máis de 20 especies de aves atopadas durante o percorrido a través dos seus cantos, afinando o oído e a atención ao medio natural. 

 Durante o roteiro, especies como o paporroibo acompañaron de forma constante a xornada, mentres que tamén se puideron recoñecer os sons do peto verdeal, da carriza, dos ferreiros ou da papuxa das amoras. Ademais, houbo ocasión de observar especies como o lagarteiro peneireiro ou mesmo unha parella de cegoñas sobrevoando a zona, así como observar o niño da andoriña dáurica situado baixo a ponte do vial descuberto na pasada edición destas saídas ornitolóxicas. 

 A actividade foi máis alá da simple observación, converténdose nun exercicio de conexión coa natureza e de toma de conciencia ambiental. Ao longo do percorrido, as persoas participantes tamén colaboraron na recollida de pequenos residuos atopados no camiño, reforzando o compromiso co coidado da contorna. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que “iniciativas como esta axúdannos a redescubrir o noso patrimonio natural e a entender que convivimos con moitas máis especies das que imaxinamos. Aprender a escoitalas é tamén aprender a respectalas e coidalas”. A rexedora subliñou ademais que “este tipo de actividades son fundamentais para fomentar hábitos saudables, sostibles e unha maior conciencia ambiental entre a veciñanza”. 

 As xornadas completáronse cunha introdución ao uso de aplicacións móbiles de identificación de cantos de aves, como BirdNet ou Merlin, ferramentas que permiten seguir practicando e afondando neste coñecemento máis alá da actividade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario