20 de abr. de 2026

CULTURA

A Deputación celebra o Día do Libro no Museo de Pontevedra cun concerto de poemas do Século de Ouro musicados 

  A soprano Bonnie Cooper e a pianista Carmen Carreiras Pita ofrecerán o recital este xoves 23 de abril ás 19:00 h


Carmen Carreiras Pita e Bonnie Cooper
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación celebrará o 23 de abril, Día Internacional do Libro, cun concerto da Soprano Bonnie Cooper e a pianista Carmen Carreiras Pita no Museo de Pontevedra, no que percorren a presenza do Século de Ouro na música española e tamén se deteñen en varios poemas galegos musicados. Será este xoves 23 de abril ás 19:00 h no Edificio Castelao.  

 O programa, composto por tres partes, ofrece cancións de Eduard Toldrá e outras de Fernando Obradors, ambas sobre poemas do Século de Ouro, de autores como Lope de Vega, Garcilaso de la Vega ou Juan de Anchieta. A terceira parte está compostela poemas galegos de Rosalía de Castro, Salvador Golpe e Antonio Noriega Varela, en versións de Marcial del Adalid, Xosé Baldomir e Juan Montes.  

 Bonnie Cooper graduouse na Universidade de Ottawa (Canadá), onde foi alumna do profesor Ingemar Korjus e da profesora de ópera Sandra Graham. Logo de trasladarse a Inglaterra, interpretou varios papeis de ópera con Co-Opera Co. (Londres), The Cunning Little Vixen (Cambridge) e Lyric Opera Studio (Weimar). Actualmente reside en Pontevedra, onde compaxina docencia e interpretación. É directora do coro para a UNED e ten o seu propio grupo, Happy Singers, co que presenta cancións de pop e rock en inglés.  

 Carmen Carreiras Pita é natural de Vilalba (Lugo) e obtivo os títulos superiores de Piano e Música de Cámara no Conservatorio Superior de Música de Santiago de Compostela. Realizou estudos de posgrao de Piano na Aula Superior de Piano do Conservatorio de Música de Vila-seca (Tarragona) co pianista cubano Cecilio Tieles e obtivo o título superior de Solfexo no Conservatorio Superior de Música Liceo de Barcelona. É cofundadora do Trío Kulmann (viola, clarinete e piano).  

Libros de agasallo  

 A celebración do Día do Libro no Museo complétase co reparto de publicacións ás persoas que visiten o Edificio Castelao ese mesmo xoves. Poranse a disposición do público tanto libros coeditados polo Museo ou editadas por outras institucións, como catálogos de exposicións e libros de arte, arqueoloxía e outras materias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario