‘Retablo de esperpento’ funde e adapta, dúas obras de Valle-Inclán
O grupo Noitebras Teatro volverá á Guarda para presentar a súa nova obra neste 2026.
Noitebras Teatro adéntrase no universo de Valle-Inclán e adapta dúas das súas obras: “Ligazón” e “Rosa de Papel”, incluídas no “Retablo da Luxuria, a Avaricia e a Morte”, fundíndoas nunha única peza teatral: “Retablo do Esperpento”.
Valle-Inclán escribiu: “Quen sabe do pasado sabe do porvir”. E nós - Noitebras Teatro- , atrevémonos a engadir: “As decisións do presente mudan o futuro”. Ou acaso somos incapaces de burlar o noso fado?
Poderemos desfrutar desta función o sábado 18 de abril ás 20:30h no Centro Cultural da Guarda.
Entrada libre ata completar a sala.
Público: Maiores de 12 anos. Esta recomendación non exclúe a menores desa idade.
Nunha familia de meigas, unha moza resístese ás argucias da súa tía, que en conivencia coa nai, argalla para obter beneficio dos agasallos que un rico ofrece a cambio dos favores da virxe. A negativa da moza enfada ás dúas vellas.
Para reafirmarse na súa liberdade, a moza déixase facer as beiras por un humilde afiador, pero unha noite de luada, servíndose dos seus poderes de meiga, adiviña como sería o seu futuro e decide facer un lixeiro cambio de plans no seu destino a través dunha ligazón. Isto é, dun pacto de sangue.
Noitebras Teatro
Noitebras Teatro é unha compañía de teatro amador fundada en Vigo en 2022 por Ana Montoto e Xurxo Feral, tras formarse na Escola Municipal de Teatro de Vigo e outras escolas dramáticas da comarca do Baixo Miño coas que representaron diversas obras durante varios anos.
Especialízanse en obras propias de misterio e corte social, destacando con pezas como "Noitebras", "Mentalmorbose" e "Busco Muller", con presenza en festivais de España e Alemaña.
Participaron en certames de prestixio como FITAG en Xirona; o Festival de Teatro Amateur de Alegría-Dulantzi; a Mostra de Teatro Breve de Noia, e a Mostra de Teatro Español en Alemaña (Bululú).

Ningún comentario:
Publicar un comentario