O persoal de Alten que traballa para BorgWarner mobilizarase diante da empresa de automoción viguesa contra os despidos
• A concentración terá lugar nas instalacións de Porto do Molle o vindeiro luns, 23 de febreiro
Infogauda / Vigo
O persoal de Alten, empresa que traballa para a compañía do sector vigués da automoción BorgWarner, desenvolverá unha concentración diante das instalacións de Porto do Molle, en Nigrán, o vindeiro luns 23 de febreiro dende as 14:00 até as 15:00 horas para rexeitar os despidos e a campaña interna de coaccións e ameazas.
Alten comunicoulles aos seus empregados/as o pasado venres día 13 que o vindeiro 9 de marzo rematará o seu traballo para BorgWarner, decisión que chega tras a campaña de despedimentos, coaccións e ameazas iniciada a finais de xaneiro para intentar que desistisen das demandas presentadas contra as dúas empresas pola cesión ilegal de persoas traballadoras, situación que foi denunciada polo comité de Borgwarner en 2024 e constatada pola Inspección de Traballo.
A partir desa data o persoal afectado, que traballaba a través de Alten nas instalacións de BorgWarner en Nigrán de maneira ilegal, iniciou unha batalla xudicial para ser recoñecido como persoal da empresa principal, sen que polo momento se teñan celebrado os xuízos.
Está previsto que abril teñan lugar os primeiros, e ante esa inminencia as persoas traballadoras tiveron que soportar distintos intentos de presión, mesmo con despedimentos de compañeiros/as por parte de Alten para que desistisen das súas demandas e aceptasen un acordo salarial que os seguiría mantendo como persoal de segunda, con salarios moito máis baixos en comparación co persoal de BorgWarner que realiza o mesmo traballo.
No día de onte o persoal decidiu en asemblea fixar xa un calendario de mobilizacións que comezará cunha nova concentración nas instalacións do Porto do Molle o vindeiro 23 de febreiro e que atinxirá tamén a BorgWarner, “tan responsábel desta situación como a subcontrata”. Ademais, Alten recoñeceu que é propia empresa principal a que, ante a situación xerada polas súas propias ilegalidades, non considera viábel a continuidade do proxecto. “Estas afirmacións de Alten contradín o expresado hai apenas unha semana, cando lle aseguraba ao persoal na súa oferta a cambio de retirar as demandas que xa tiña un acordo con BorgWarner para os vindeiros tres anos”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario