O BNG pide na Deputación máis fondos e campañas provinciais dignas para avanzar en igualdade real fronte ao rearmamento do machismo
• As nacionalistas presentan unha moción polo 8M para que o goberno provincial incremente as iniciativas e accións feministas da súa axenda
Infogauda / Pontevedra
O grupo provincial do BNG solicitará vindeiro no Pleno da Deputación máis fondos “e campañas provinciais dignas” para avanzar en igualdade real fronte ao rearmamento do machismo. As nacionalistas presentarán unha moción co gallo do 8M para que o goberno provincial incremente as iniciativas e accións feministas da súa axenda e propicie tamén as de colectivos sociais e entidades locais na provincia. A moción será defendida pola deputada Manuela Rodríguez, quen insiste na necesidade de responder con máis feminismo a un presente de rearmamento do machismo e un avance dos totalitarismos. A nacionalista subliña que o mundo vive “unha ofensiva de ameazas a dereitos elementais sexuais e reprodutivos e a posta en cuestión da violencia machista”.
Ante a complexidade da situación, o Bloque fai un chamamento a incrementar esforzos e impulsar novas ferramentas políticas e institucionais para avanzar sen conformarse con que a desigualdade permaneza e os dereitos lexislados non sexan executados. Rodríguez subliña que, a pesares do incremento histórico de fondos dos que dispón a Deputación de Pontevedra, o último orzamento deixou a porcentaxe destinada á área de Igualdade en mínimos históricos, apenas un 0,75%, sen sequera chegar aos 1,8 millóns de euros, fronte ao 1,17% do orzamento e os máis de 2,1 millóns de euros destinados en 2023 por parte do anterior goberno provincial.
A sumar, engade a nacionalista, as campañas realizadas ata o momento por parte do goberno provincial popular están a quedar diluídas e teñen escollido lemas certamente cuestionables, que reflexan que a área non é en absoluto prioritaria, cun apoio morno á loita feminista. Lembra Rodríguez que, por exemplo, na última conmemoración do 25N o goberno popular da Deputación escolleu o lema ‘O machismo vese claro cando enfocas’, unha proposta considerada “curta de miras” e que amosa a dificultade habitual do PP para identificar condutas machistas.
Por todo isto, dende o grupo provincial nacionalista reclámase á Deputación un incremento significativo dos fondos da área de Igualdade, de xeito que permitan incrementar as iniciativas e accións para a promoción da igualdade tanto propias como de colectivos sociais e entidades locais da provincia, poñendo especial coidado á hora de deseñar campañas “dignas” e aliñadas coas reivindicacións feministas por parte da institución provincial.
A máis, o grupo do BNG solicitará á Corporación provincial o apoio ás mobilizacións e reivindicacións do feminismo galego organizado neste 8M, reclamar á Xunta a creación do Instituto Galego das Mulleres para promover e fortalecer políticas de igualdade, así como impulsar un novo marco regulamentario e orzamentario, incrementando a contribución para os Centros de Información á Muller co fin de ampliar a actual rede galega.

Ningún comentario:
Publicar un comentario