O Pleno do Porriño aproba a proposta socialista para solicitar as axudas estatais polos danos dos temporais
Infogauda / O Porriño
O Pleno do Concello de O Porriño aprobou a iniciativa presentada polo Grupo Municipal Socialista para que a administración local tramite a solicitude das axudas estatais destinadas a territorios afectados polos temporais rexistrados entre o 10 de novembro de 2025 e o 9 de febreiro de 2026.
Estas axudas foron habilitadas polo Goberno de España tras declarar zonas afectadas por emerxencia de protección civil un total de 76 episodios meteorolóxicos adversos en distintas comunidades autónomas, incluída Galicia, debido á reiteración de choivas intensas, ventos e fenómenos asociados que provocaron danos en infraestruturas, servizos públicos e bens municipais. O acordo estatal prevé subvencións para reparacións en instalacións e infraestruturas públicas, podendo alcanzar ata o 50 % do custo das actuacións, o que supón unha oportunidade de financiamento extraordinario para as entidades locais.
A iniciativa aprobada insta ao Concello a elaborar os informes técnicos e memorias valoradas, documentación que se precisa para acreditar os danos e formalizar a solicitude dentro dos procedementos establecidos, condición imprescindible para acceder a estes fondos.
Desde o Grupo Socialista sinalan que, no momento de presentar a proposta, o goberno municipal non iniciara ningún expediente administrativo dirixido a solicitar estas axudas, polo que a aprobación plenaria permite activar formalmente o procedemento e garantir que O Porriño non perda recursos públicos dispoñibles para a reparación de danos e a mellora das infraestruturas afectadas.
A formación socialista subliña que esta medida responde a un criterio de responsabilidade institucional e de defensa do interese xeral, ao tratarse de financiamento xa habilitado polo Estado, que ten como finalidade reducir o impacto económico dos danos provocados polos temporais, e reforzar a capacidade de resposta dos concellos ante situacións extraordinarias.

Ningún comentario:
Publicar un comentario