O BNG rexeita participar dunha foto conxunta pola campaña do 8M da Deputación: “O PP abraza os postulados da ultradereita, estamos moi lonxe”
• As nacionalistas reclamaron máis recursos e campañas dignas do goberno provincial para avanzar en igualdade
Foto: BNG
Infogauda / Pontevedra
O grupo provincial do BNG rexeitou hoxe participar dunha foto conxunta co Partido Popular pola campaña do 8M da Deputación: “O PP abraza postulados da ultradereita ata dicindo que teñen as mesmas políticas e que entenden o feminismo igual. As mulleres non entenderían que o BNG estivese nesa foto. Saben quen lexisla a favor e en contra. Cando deixen de ter iso dentro, igual. De momento, estamos moi lonxe”, subliñou no Pleno a deputada Manuela Rodríguez.
O Bloque defendeu na sesión da Corporación unha moción na que solicitou máis fondos e campañas provinciais dignas para avanzar en igualdade real fronte ao rearmamento do machismo. As nacionalistas presentaron o texto co gallo do 8M para que o goberno provincial incrementase as iniciativas e accións feministas da súa axenda, favorecendo tamén as de colectivos sociais e entidades locais na provincia.
A moción foi rexeitada polo Partido Popular que da voz de María Ramallo, subliñou que as políticas de igualdade “non son cuestión de cartos”. A pesares de rexeitar os postulados do BNG e de soltar frases como que “o malentendido feminismo fai moito dano”, con todo, o PP reclamou unidade de acción “nunha data tan sinalada como o 8M para que institucións e partidos remen todas na mesma dirección” facendo a fotografía. A proposta foi feita de maneira sorpresiva sen ter ofrecido antes información sobre a campaña provincial deste ano.
O Bloque foi claro e contundente ao confirmar que non podía estar do mesmo lado que o PP porque é autor de políticas que consolidan o freo da igualdade. “O problema non está na foto, a unidade non resolve. As políticas son as que resolven, e o PP non sempre adopta políticas necesarias. Estar nesa foto significa contradicir todo o que defendemos na nosa moción”, dixo Rodríguez.
“8M é o que se debe facer todo o ano. E non hai feminismos malentendidos, debe respectarse sempre o que os feminismos decidan facer”, puntualizou tamén a nacionalista, que insistiu en que mentres certos comportamentos e maneiras de pensar non se “desinstalen das cabezas de quen promulgan as leis” dificilmente se avanzará en igualdade.
Así mesmo, Rodríguez afeou que o PP pida agora unidade de acción cando ata o de agora o goberno bipartito sempre promovera declaracións institucionais conxuntas negociándoas previamente. Subliñou que incluso o ano pasado, en 2025, o BNG intentara negociar ata o último momento unha proposta de texto conxunto sobre o 8M, sendo o propio PP o que rexeitara todas as alternativas de unidade.

Ningún comentario:
Publicar un comentario