20 de xan. de 2026

TUI

Este mércores inaugurarase a exposición  “Acuarelas” de José Jesús Blanco Pérez 

 Poderase visitar na Sala Municipal até o 27 de febreiro



Infogauda / Tui

 Este mércores, 21 xaneiro, ás 19.30h na Sala Municipal de Exposicións, no Edificio Francisco Sánchez, inaugurarase a exposición “Acuarelas” de José Jesús Blanco Pérez.  

 Nesta mostra retrospectiva, o artista afincado en Tui, presenta máis de cincuenta acuarelas nas que realiza un percorrido polas paisaxes da súa infancia, pasando por algunhas das rúas máis emblemáticas de diversas cidades, e onde destacan tamén os retratos e os motivos marítimos, que foron moi importantes na súa vida. As persoas que visiten a exposición poderán admirar vistas de Tui, da Guarda, O Rosal, Valença, retratadas polo autor pero tamén outros moitos lugares.  

 O autor descubriu a técnica da acuarela relativamente tarde na súa vida, no final da súa carreira profesional como médico, cando atopou nesta disciplina artística outra vocación que o apaixonou e coa que sigue aprendendo e desfrutando ata hoxe, formándose en novas técnicas cos mellores profesores do mundo.  

 Así o explica o propio José Jesús Blanco Pérez sinalando que “a  acuarela apareceu no solpor de miña vida cando menos o esperaba, chegou de súpeto a encherme de luz e de esperanza os ocos da alma”. Engade que “a través dela, desfruto como xamais antes imaxinara, pinto o que amo, desbordo en cores, soños e sensacións”.  Afirma o artista que “a acuarela tróuxome a luz dunha nova mañá, o brillar daquel luceiro, as ondas feroces do mar, as ramas altas e verdes da árbore máis forte ou o sorriso da nai”.  

 A exposición poderá visitarse na Sala Municipal até o 27 de febreiro, de luns a venres de 9 a 14 h e de 15.30 a 20.30 h e os sábados de 9 a 13 h. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario