21 de xan. de 2026

TOMIÑO

En Tomiño a vitalidade non entende de idade  

Máis de 75 persoas maiores participan no Reactívate, un programa posto en marcha polo Concello no marco da axenda Impacto Saudable que impulsa a saúde física e mental 

 

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González e o concelleiro de Benestar Social, Rubén García, nun encontro con persoas usuarias da axenda Impacto Saudable
Foto: C.T.


Infogauda / Tomiño

 Manterse activo, compartir tempo e seguir aprendendo tamén forma parte de envellecer con calidade en Tomiño. Máis de 75 persoas maiores de 55 anos participan nunha nova edición do programa Reactívate, unha iniciativa impulsada polo Concello no marco da axenda Impacto Saudable que promove un envellecemento activo a través da combinación de exercicio físico, estimulación cognitiva e actividades de lecer, contribuíndo así a mellorar o benestar integral da veciñanza. 

 Posta en marcha coa inestimable colaboración de AFAGA, Reactívate consolídase ano tras ano como un proxecto de referencia pola súa capacidade para reforzar tanto a saúde física como a emocional das persoas participantes. O programa estrutúrase en dúas sesións semanais nas que se traballa o movemento, a memoria, a atención e a socialización, xerando espazos de encontro e apoio mutuo. 

 Nesta edición, Reactívate volveu ampliar o seu alcance territorial. Ademais do grupo do centro de Tomiño, o programa está a desenvolverse tamén en Barrantes, Sobrada e Santa María de Tebra, con arredor de 15 persoas participantes en cada unha destas localizacións, o que demostra a boa acollida da iniciativa e a necesidade de achegar este tipo de propostas a todas as parroquias. A elevada demanda provocou, ademais, a creación dunha lista de agarda. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou que “desde o Concello traballamos para que a saúde e o benestar sexan unha prioridade en todas as etapas da vida. Reactívate é moito máis que un programa de exercicio, é un espazo para crear comunidade, combater a soidade e favorecer que as persoas maiores se manteñan activas, con ilusión e participación”. 

 Pola súa banda, o concelleiro de Benestar Social, Rubén García, destacou a importancia de “impulsar iniciativas próximas e adaptadas ás necesidades reais das persoas maiores, que lles permitan saír da casa, relacionarse e coidarse tanto física como emocionalmente, algo fundamental para unha vida máis plena e saudable”. 

 Con esta nova edición do Reactívate, Tomiño volve reafirmar o seu compromiso cun modelo de envellecemento activo, participativo e inclusivo, no que a idade non é un límite, senón unha oportunidade para seguir vivindo con enerxía e calidade de vida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario