A Deputación adxudica a Pepe Vieira S.L.U. a explotación do restaurante no Museo de Pontevedra
• A empresa farase cargo do establecemento por un prazo de seis anos, prorrogable por outros catro, e deberá realizar unha serie de obras de mellora no local
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar á empresa Pepe Vieira S.L.U. a explotación de actividade de cafetería e restaurante no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra polos próximos seis anos, prorrogable por outros catro. Impúxose a Neapolis FD S.L., a outra empresa que se presentou ao concurso.
O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, quixo salientar o rigor do procedemento: “O que cómpre subliñar é algo bastante menos novidoso do que algúns quixeran facer crer: a adxudicación do restaurante do Museo de Pontevedra non naceu dun capricho. Foi o resultado dun procedemento público, regrado e verificable, dese tipo de trámites que avanzan con paso lento pero firme, como avanza a administración cando fai as cousas ben”. Domínguez destacou que “a decisión non brota da improvisación, senón dunha resolución administrativa pensada para protexer o interese xeral e o patrimonio público, ese patrimonio que non pertence a ninguén en particular e, precisamente por iso, nos pertence a todos”, e remarcou que “houbo concorrencia entre empresas, houbo criterios obxectivos e houbo garantías, e dicir, xusto o contrario da arbitrariedade”.
Para Rafa Domínguez “o restaurante é unha peza máis dunha visión ampla do museo. Axuda a atraer novos públicos, a prolongar a visita e, sobre todo, a integrar o museo na vida cotiá de Pontevedra. O desafío, claro está, é facelo sen interferir na súa función cultural”. O vicepresidente afondou nas bondades da concesión: “garante ingresos, traslada ao adxudicatario obrigas concretas de mellora en accesibilidade e mantemento, e libera recursos públicos para o que debería ser intocable: a conservación das coleccións, a programación cultural e a atención ao público”.
A empresa adxudicataria satisfará un canon anual de 26.000 € máis IVE. Como parte das obrigas da concesión, Pepe Vieira S.L.U. ten que executar obras no local, que consistirán na mellora da accesibilidade en aseos, a reparación de pavimentos e o control de cheiros. Deberá executalas no prazo máximo de seis meses desde a recepción das autorizacións sectoriais e da licenza de obras e, en todo caso, dentro dos seis primeiros anos iniciais da concesión. A Deputación estimou en 75.527 € máis IVE o custes desta actuación, que se amortizará mediante a redución do canon da concesión durante os primeiros seis anos.
O espazo para restaurante está situado na planta baixa do Edificio Castelao, con acceso independente. Ocupa un superficie duns 160 m2 e inclúe unha cociña completamente equipada. O espazo de cafetería, no mesmo baixo, é de 168 m2, aos que hai que sumar a terraza situada entre os edificios Sarmiento e Castelao. O novo contrato dará continuidade ao uso que tivo o baixo do Edificio Sarmiento nos últimos dez anos, como restaurante e terraza. Nun prazo de cinco días hábiles formalizarase a posta a disposición do local, a partir do cal comezará o período de explotación.

Ningún comentario:
Publicar un comentario