22 de xan. de 2026

PONTEVEDRA

Balance de tráfico  

Abel Losada define o ano 2025 como “agridoce” en seguridade viaria: “menos accidentes, pero máis graves, e tamén máis imprudencias” 

O ano pecha con 20 falecidos nas vías interurbanas (2 menos), pero con máis do dobre de feridos graves que en 2024 

Losada dá a voz de alerta polos excesos de velocidade, o número de vítimas maiores e pola condución sen carné ou sen o cinto abrochado 

O subdelegado advirte dunha leve repunta no consumo de alcol ou drogas ao volante 

Preocupación polos accidentes causados por fauna salvaxe e, en especial, polo impacto dos cabalos na comarca do Morrazo 


Abel Losada, subdelegado do Goberno en Pontevedra
Foto: Arquivo S. do G.

Infogauda / Pontevedra 

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, acompañado do capitán do subsector de Tráfico de Pontevedra, Antonio Pérez Piteira, e da xefa provincial da Dirección Xeral de Tráfico, Paula Yubero, presentou hoxe o balance de sinistralidade nas estradas interurbanas da provincia durante o ano 2025. Losada subliñou que foi un ano “agridoce” e destacou que se ben o número de persoas falecidas reduciuse, hai máis feridos graves e se detectan preocupantes imprudencias ao volante. “En seguridade viaria non cabe a autocompracencia”, afirmou. 

 “Resulta complicado dicir que un ano foi positivo simplemente porque houbo menos falecidos ou menos accidentes, cando temos indicios de máis consumo de alcol e drogas, de máis persoas maiores falecidas, de excesos de velocidade, de xente que morre sen o cinto de seguridade posto ou dunha gran incidencia dos animais que cruzan a estrada e provocan sinistros que son evitables”, lamentou Losada. 

 Un total de 20 persoas perderon a vida nas estradas da provincia (dúas menos que o ano anterior e en liña coa serie histórica recente). Non obstante, houbo 176 feridos graves (case o dobre dos 81 do ano anterior). O número de feridos leves reduciuse ata os 1.291 (179 menos que o ano anterior). Finalmente, o número de accidentes con danos persoais foi de 964 (que tamén son 39 menos que en 2024). A provincia de Pontevedra tivo unha evolución positiva no contexto de Galicia, dado que rexistráronse 96 falecidos (6 máis) no conxunto da comunidade autónoma. 

 En canto o perfil das vítimas, o 50% das persoas falecidas eran usuarios vulnerables (motoristas, peóns ou ciclistas). Deles 7 eran motoristas, 2 peóns e 1 usuario de ciclomotor. Con todo, o número de vulnerables reduciuse con respecto ao ano anterior. O máis preocupante, significou o subdelegado, é a cifra de motoristas falecidos, dato que vinculou co incremento do parque de motocicletas na provincia, que chegou a 95.000 matriculas (4.000 máis que o ano anterior). 

 Por outra banda, a totalidade dos motoristas falecidos levaban posto o casco, houbo dous condutores falecidos que non tiñan abrochado o cinto de seguridade, un dato moi preocupante, pois esta circunstancia non se tiña producido nos dous últimos anos. 

 O rango de idade maioritario nas vítimas é o dos maiores de 65 anos, pois 8 dos 20 falecidos están nesta franxa e mesmo 4 tiñan máis de 75 anos. Ademais os 2 peóns atropelados mortalmente eran maiores dos 65 anos.  

Alcol e drogas 

 O subdelegado informou de que no ano 2025 realizáronse 163.143 controis de alcolemia e deles un 2,7% resultaron positivos (un pouco máis que o 2,5% do ano 2024). No mesmo ano fixéronse 4.564 drogotests dos que o 51,97% foron positivos (tamén por enriba do 51,31% do ano anterior). Abel Losada subliñou que mentres os controis de alcol teñen un gran compoñente preventivo os de drogas fanse, especialmente a condutores que evidencian algún síntoma de ter consumido substancias, o que explica a diferencia na porcentaxe de positivos. 

 Con todo, hai un incremento significativo nos positivos de alcohol e drogas que se dan nos tests que se realizan a condutores que veñen de ser sorprendidos cometendo unha infracción ou que se ven involucrados nun accidente. Por tanto, Abel Losada advertiu “sinais perigosos para a seguridade viaria, porque, como sempre se di, a única taxa aceptable é cero”.  

Multas e delitos 

 En canto as multas tramitadas polos axentes da Garda Civil de Tráfico, crecen as infraccións por velocidade excesiva, que subiron ata as 56.000 (por 32.000 do ano anterior). O máis significativo é o crecemento das dilixencias penais incoadas, pois chegaron a 893 (por 840 do ano anterior). Por categorías, acabaron diante do xuíz 94 condutores por non ter obtido nunca o carné, outros 68 por poñerse ao volante co carné retirado, outros 315 foron sorprendidos conducindo sen puntos e, finalmente, houbo 14 que foron xulgados por delito contra a seguridade viaria a raíz dun exceso de velocidade. 

 Finalmente, Abel Losada alertou sobre o problema dos accidentes causados por fauna salvaxe, que foron 990 durante o ano 2025, unha cifra idéntica ao do ano anterior. A maior parte son provocados por xabarís (619), corzos (116), cans (111), cabalos (43) e raposos (24). O subdelegado amosou a súa preocupación pola incidencia nas comarcas máis rurais, pero especialmente no Morrazo, onde existe unha gran preocupación polo cruzamento constante de cabalos na vía rápida e na estrada autonómica Marín-Moaña. Explicou que a Subdelegación do Goberno organizou unha recente xuntanza con responsables dos concellos de Moaña, Cangas, Marín e Bueu, a Xunta, o Seprona e Tráfico e abriuse unha vía de diálogo e colaboración para tratar de resolver ou mitigar un problema que, “obxectivamente”, é unha competencia autonómica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario