A Xunta de Galicia renova e amplía a biblioteca escolar do CIP Cova Terreña
• A delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participaron na inauguración da nova dotación
Foto: X.G.
Infogauda / Baiona
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participaron este luns na inauguración da nova biblioteca do CPI Cova Terreña de Baiona, que a través do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe) da Xunta de Galicia puido acometer obras de renovación e ampliación.
As representantes autonómicas visitaron as instalacións nas que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP leva investido máis de 23.000 euros. Un orzamento co que puido renovar o mobiliario e a tarima. A biblioteca ampliouse coa aula que se atopaba pegada. O espazo para a radio ocupa parte do actual aseo-vestiario masculino que estaba pegado á biblioteca.
Con motivo da reinauguración da biblioteca, o centro educativo organizou un mes cargado de actividades coa intención de mostrar o espazo ás familias. Un taller de fabricación de papel, escritura con pluma e lacrado para o alumnado de Primaria son algunhas das actividades programadas nos días de regreso das vacacións do Nadal para coñecer a biblioteca escolar recentemente ampliada.
O Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe) ten como obxectivo mellorar estes espazos educativos que exercen un papel fundamental na mellora das competencias académicas do alumnado e contribúen a reforzar a calidade do conxunto do sistema. Coa mellora dos seus recursos búscase impulsar a comprensión lectora, o uso das bibliotecas como laboratorios creativos de aprendizaxe ou o estímulo do hábito lector entre toda a comunidade escolar.
.jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario