A futura Casa da Cultura de Tomiño abrirá as súas portas en primavera
• O Concello avanza a bo ritmo as obras de mellora do edificio, que suporán un investimento de 1,3 millóns de euros para crear un espazo público máis sostible, eficiente e cohesionado
Infogauda / Tomiño
Tomiño segue a dar pasos firmes para consolidarse como un municipio de referencia en cultura e sostibilidade. A Casa da Cultura entra xa na fase decisiva da súa transformación para abrir de novo as súas portas en primavera como un espazo moderno, accesible e multifuncional, pensado para acoller a vida cultural e social da vila.
Cun investimento total de 1,3 millóns de euros financiados con fondos da Deputación de Pontevedra vinculados ao programa PON2030, o Concello puxo en marcha esta actuación dentro do proxecto Integra Tomiño, unha iniciativa transformadora coa que se está a levar a cabo non só a rehabilitación enerxética integral da Casa da Cultura, senón tamén a mellora e humanización do espazo público da contorna, que abrangue a zona diante do edificio de Benestar Social, a rúa República Arxentina e a vía situada detrás da Casa da Cultura ata o Centro de Día.
“O noso obxectivo é que a Casa da Cultura sexa moito máis ca un edificio: queremos crear un verdadeiro punto de encontro para a veciñanza, un espazo aberto á creación, á participación e á vida social”, destacou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González. A rexedora subliñou tamén o carácter sostible do proxecto, xa que “esta intervención non só mellorará a eficiencia enerxética do edificio, senón que contribuirá a reducir a pegada ambiental e a avanzar cara a un modelo de vila máis verde e respectuosa co medio ambiente”.
O plan ‘Integra Tomiño’ persegue precisamente esa visión: integrar os diferentes equipamentos municipais a través dun espazo público cohesionado e funcional, que facilite os desprazamentos a pé e en bicicleta, favorecendo unha mobilidade máis segura e sostible.
Ademais, esta actuación complementa a remodelación xa executada na rúa República Arxentina, onde se creou unha senda peonil e ciclable de arredor de 650 metros, conectando a contorna do IES Antón Alonso Ríos cos principais equipamentos do Seixo.
“Estamos a construír un Tomiño pensado para as persoas, no que a cultura, o benestar e a sostibilidade se dean a man”, engadiu a alcaldesa, para quen “a nova Casa da Cultura será un símbolo dese compromiso e unha ferramenta clave para seguir dinamizando a vida social e cultural do noso municipio”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario