16 de out. de 2025

TOMIÑO

Tomiño recibe a Bandeira Verde polo seu compromiso co medio ambiente  

  O Concello foi distinguido polas súas políticas de sostibilidade e traballo continuado na protección da contorna natural  


Ana Belén Casaleiro, concelleira de Medio Ambiente, coa Bandeira Verde que vén de recibir o Concello de Tomiño
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 Tomiño é hoxe un exemplo de que o compromiso local pode transformar o territorio. O municipio vén de recibir a Bandeira Verde, un recoñecemento que distingue o esforzo do Concello polas políticas sostibles e pola protección activa do medio ambiente, consolidando anos de traballo continuado para facer de Tomiño un lugar máis saudable, accesible e verde. 

 Como subliñou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “este recoñecemento non é un punto de chegada, senón un impulso para seguir traballando pola sostibilidade. A Bandeira Verde é o reflexo dun compromiso compartido entre administración e veciñanza, que aposta por un Tomiño máis humano, verde e responsable”. 

 Este distintivo chega como resultado dun camiño iniciado hai anos, no que o Concello apostou por recuperar o espazo público para as persoas, ordenar o territorio e avanzar cara a un modelo de desenvolvemento respectuoso coa contorna. O traballo reflicte unha visión integral da sostibilidade, que combina mobilidade, enerxía, xestión de residuos e concienciación cidadá. 

 Entre as actuacións máis destacadas atópanse o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), os camiños escolares seguros de Goián e Tomiño, a creación de aparcadoiros disuasorios e a renaturalización dos espazos urbanos con novas zonas axardinadas e arboradas. A peonalización de rúas como República Arxentina e Gondomar, ou a senda peonil entre o Seixo e a Pedra, son exemplos claros desta transformación. 

 No ámbito enerxético, o Concello leva a cabo proxectos pioneiros de eficiencia e transición ecolóxica, cunha redución do consumo eléctrico do 60% grazas á renovación da iluminación pública e á instalación de placas solares en oito edificios municipais, que xeran 42 MWh anuais de enerxía limpa. Tamén destaca a aposta por unha xestión sostible dos residuos, coa implantación do modelo do Plan Revitaliza, que reduciu nun 11% os residuos da fracción resto por habitante. O novo modelo de recollida selectiva continuará avanzando para acadar os obxectivos europeos de reciclaxe e economía circular. 

 A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, destacou que “cada actuación, dende a creación de espazos verdes ata a mellora da eficiencia enerxética, suma para facer de Tomiño un referente no coidado ambiental. Esta Bandeira Verde é un recoñecemento colectivo, froito do esforzo de todo un pobo por vivir en harmonía coa natureza”. 

 Con este galardón, o Concello reforza unha vez máis o seu compromiso coa Axenda 2030, coa acción polo clima (PACES) e coa Axenda Urbana Transfronteiriza Tomiño-Cerveira, consolidando un modelo de desenvolvemento sostible, inclusivo e resiliente. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario