14 de out. de 2025

PONTEAREAS

A CIG convoca unha manifestación en apoio da loita do SAF de Ponteareas e por uns servizos de coidados públicos e de calidade 

  A marcha terá lugar este xoves 16 de outubro, ás 18:30 horas, dende o centro de saúde até o Concello 


Momento dunha sesión plenaria do Concello de Ponteareas, con asistencia do persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF)
Foto: CIG

Infogauda / Ponteareas

 A CIG ten convocada unha manifestación este xoves 16 de outubro en apoio da loita do persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Ponteareas, en folga indefinida ante os graves incumprimentos da empresa, e para reclamar un sector de coidados público e de calidade. As traballadoras expuxeron a súas reivindicacións hoxe no pleno extraordinario no que saíu adiante unha moción do Goberno local que se limita a darlle un prazo á concesionaria para que corrixa as deficiencias pero que non contempla a rescisión do contrato como reclaman as afectadas. 

 A marcha arrincará dende o centro de saúde da localidade ás 18:30 horas baixo o lema ‘SAF Ponteareas solución. Coidados con dereitos, servizos públicos e de calidade’ e rematará diante do Concello. Dende a CIG chaman a veciñanza a participar na mobilización en apoio da xusta loita das traballadoras na defensa dos seus dereitos e dunha atención digna. 

 Lembran que os problemas no servizo agudizáronse cando o pasado mes de febreiro o Goberno local adxudicoulle o SAF á empresa Óbolo, de Huelva, “a un prezo de miseria”, 19,99 euros/hora, cando o resto de Concellos galegos licitan arredor dos 23 euros.  

 Daquela a central sindical xa advertira que ese prezo non cubría nin os custes básicos, “pero o Goberno fixo oídos xordos”. Tempo despois a realidade é que “non hai nin empresa, só explotación e incumprimentos: nóminas sen pagar e cotizacións incorrectas; sen descansos; nin rexistro de xornada; sen material, formación, nin protocolos; sen visitas obrigatorias nin plans de intervención; e con servizos ofertados (fisioterapia, podoloxía, transporte, etc.) inexistentes.  

 Todos estes feitos son infraccións graves segundo a lei laboral e de contratación pública, e as traballadoras levan meses denunciando e presentando probas. Mais a resposta do Concello foi negar a evidencia, difamalas, defender os incumprimentos da empresa e abrir expedientes de sanción por participar na folga. “Son traballadoras dun servizo público, e moitas levan máis de 15 anos coidando e sostendo a vida diaria de persoas dependentes. Están fartas de ser invisibles, de pagar coa súa saúde e co seu pan o baixo custe que o Concello quere impor”, denuncian. 

 Por iso o pasado 26 de setembro iniciaron unha folga indefinida e un calendario de mobilizacións diarias, que hoxe continuou coincidindo co pleno extraordinario no que o Goberno local aprobou unha moción que non garante unha solución ao conflito, polo que optaron por abandonar a sesión en sinal de protesta tras expresar as súas reivindicacións. 

 Xa o pasado xoves levantáranse da negociación cos responsábeis municipais ante o “total aliñamento” do concelleiro de Economía e Facenda coa empresa, “que asegurou estar de mediador pero contestou el a todas e cada unha das cuestións da xuntanza, poñendo a disposición da compañía persoal e medios do Concello para salvala, xa que esta estaba de mera espectadora no encontro”.  

 Dende a representación legal das traballadoras unicamente reclamaban que a concesionaria presentara a renuncia con saída como máximo o 31 de decembro, “situación que podería reverterse no caso de que, tal e como manifestaba o concelleiro, rematasen con todos os incumprimento”. As traballadoras están convencidas de que o Goberno local quere manter o contrato polo baixo custe ao que foi adxudicado, “aínda que sexa a costa do seu pan e da súa saúde; polo que continuarán en folga indefinida até que o contrato sexa rescindido”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario