30 de out. de 2025

GALIZA

Xubiladas e Pensionistas da CIG reclaman unha atención digna á dependencia fronte ás políticas desastrosas da Xunta 

  Concentráronse nas sete cidades para reivindicar a creación dun sistema público galego de atención ás persoas 


Mobilización este xoves, na cidade de Vigo - entre outras poboacións -, do Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG, para reclamar unha atención digna á dependencia
Foto: CIG

Infogauda / Santiago de Compostela

 O Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG continuou este xoves coas mobilizacións para reclamar unha atención digna á dependencia e denunciar as “políticas desastrosas” da Xunta de Galiza que deixan “as persoas maiores e dependentes nunha situación insostíbel”. As protestas realizáronse nas sete cidades para reivindicar a creación dun sistema público galego de atención de xestión directa, con recursos económicos e persoais suficientes, e que se preste en condicións laborais xustas. 

 O Colectivo recalca que a atención á dependencia é un dereito que debe garantir a administración pública polo que demandan a creación dun sistema único, público e galego, que xestione directamente todos os recursos: residencias, centros de día, atención á diversidade, Servizo de Axuda no Fogar, Casas Niño, Casas do/a Maior, Xantar na Casa, Transporte Adaptado, etc. Un sistema que conte con orzamentos adecuados, persoal suficiente e condicións laborais xustas, baixo un único convenio colectivo galego.  

 “Queremos unha rede pública que garanta dereitos, que elimine os repagamentos e que priorice sempre a atención directa, non os bonos enganosos nin as axudas que non chegan. E quen coida debe poder facelo con dignidade, con tempo, con recursos e con respecto”, aseveran. 

Sistema saturado  

 Critican que as políticas do PP son un verdadeiro desastre social, inxusto e machista, porque “o modelo que defenden parte dunha idea retrógrada: que os coidados deben recaer nas familias, e sobre todo nas mulleres”. Por iso, no canto de crear máis servizos públicos e profesionais, o Goberno do PP “deixa toda a responsabilidade nos fogares, sen apoio suficiente”. 

 Lembran que o sistema de atención está saturado, que as esperas para a resolución dunha prestación son de máis dun ano, que miles de persoas morren coa dependencia aprobada pero sen chegar a recibila e que “hai milleiros máis agardando, desesperadas, por unha axuda que nunca chega”.  

 Fronte a esta realidade, o Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas denuncia que a Xunta segue a privatizar residencias e centros de día, a tal punto que só o 18% das prazas en residencias son públicas (hai 215 privadas e só 71 públicas); e non existen centros de día en todos os concellos e destes só 97 son de xestión directa.  

 Ao tempo, o servizo de axuda no fogar está desbordado, con persoal insuficiente, que cobra salarios de miseria e ten que prestar o seu traballo en condicións precarias. “A Xunta derivou esta responsabilidade aos concellos e fíxoo ademais sen financiamento suficiente, polo que moitas das administracións locais acabaron privatizando o servizo, afondando aínda máis na mala atención, na desigualdade e na explotación laboral”. 

 “Así non se pode garantir unha atención digna, nin ás persoas dependentes nin ás súas familias”, aseveran. E por iso, o Colectivo da CIG seguirá a mobilizarse para reivindicar a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas digno e con recursos, “porque o coidado é un dereito, non un negocio, e porque queremos vivir con dereitos, tamén cando somos maiores ou dependentes”. 

Concentración o 17 de novembro no Parlamento 

 Nas concentracións aproveitouse para informar e animar a participar da concentración que a Plataforma Emerxencia Dependencia (da que a CIG fai parte) ten convocada para o vindeiro 17 de novembro ás 11 horas diante do Parlamento de Galiza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario