O PP DE TUI DENUNCIA A TEMERIDADE DO ALCALDE POR PEDIR UN PRÉSTAMO MILLONARIO MENTRES REDUCE SEN CONTROL O REMANENTE DE TESOURERÍA
• O PP de Tui denuncia a nefasta xestión económica do goberno socialista de Enrique Cabaleiro, que pretende endeudar ao Concello en máis de 3,1 millóns de euros para renovar o alumeado público, cando ata hai pouco o municipio presumía de ter débeda cero.
• Os populares lamenta que o Concello perdera a oportunidade na anterior convocatoria de Subvención do Ministerio de Transición Ecolóxica e concorra á deste ano, que é un Préstamo.
Infogauda / Tui
O grupo municipal do PP de Tui denuncia que “o goberno socialista de Enrique Cabaleiro pretende hipotecar ao Concello cun préstamo do Estado por importe de 3,17 millóns de euros para a renovación do alumeado público. Unha operación que chega logo de esgotar boa parte do remanente de tesourería, que se reduciu de máis de 11 millóns a pouco máis de 3 millóns dispoñibles na actualidade”.
“Non lle chega con gastar os aforros dos tudenses, agora tamén nos mete nun préstamo a dez anos que converterá a Tui nun concello endeudado cando até hai pouco presumía de débeda cero. É unha auténtica irresponsabilidade”, advertiu o voceiro popular, Nico Montes.
Os populares lembran que “o Concello de Tui foi durante anos exemplo de boa saúde financeira, sen débeda bancaria e con capacidade de investimento grazas ao remanente. Porén, a xestión socialista levou a esgotar eses fondos a base de gasto corrente descontrolado e agora pretende tapar esa falla con novo endebedamento”.
O PP lembra que “na anterior convocatoria do programa estatal de renovación do alumeado as axudas eran a fondo perdido. Concellos coma Tomiño ou Salvaterra souberon aproveitar esa ocasión e modernizaron o seu alumeado sen custo ningún para os veciños. En Tui, pola contra, a falta de xestión e dilixencia do alcalde fixo que se perdera esa oportunidade e agora venden como éxito o que en realidade é o maior préstamo concedido en Galicia neste programa”.
“É un auténtico disparate: hipotecar o futuro de Tui só para tapar a incapacidade do goberno de xestionar e de captar fondos a fondo perdido, como fixeron outros concellos da comarca. Presentar como un logro recibir a maior achega de Galicia non é un motivo de orgullo, senón a proba da súa falla de xestión: o que realmente fixeron foi endebedar a Tui co préstamo máis elevado de toda Galicia”.
Os populares explicaron que “devolver este préstamo a 10 anos, aínda que sexa sen xuros, tradúcese nunha carga media de 317.000 euros anuais, unha auténtica hipoteca” que, segundo o PP, “vai afondar aínda máis na xa delicada situación económica do Concello, que arrastra a devolución de 700.000 euros ao Estado polos incumprimentos nas obras do teatro e que ten aínda pendente a rescisión do contrato do aparcadoiro, entre outros problemas graves”.
O PP critica tamén que “esta decisión se tomara sen diálogo cos grupos da oposición, malia gobernar en minoría. Ademais, non se explicou nin se presentou unha auditoría enerxética global que avale o proxecto nin se detallou con claridade cando se amortizará realmente o investimento”.
Desde o PP de Tui - conclúe o voceiro popular, Nico Montes -, trasladamos publicamente as nosas inquedanzas:
• Por que somos o único concello da provincia que se acolle a este formato de préstamo do IDAE?
• Por que pedimos a maior contía de toda Galicia este ano? ¿Será que os demais concellos galegos non cren neste modelo de financiamento?
• ¿O equipo de goberno consultou con profesionais especializados para buscar a mellor solución?
• ¿Existe unha auditoría enerxética global que avale este proxecto? E, se a hai, quen está facendo ese traballo de campo e con que enxeñería se conta?
• ¿É certo que o custo real de cambiar todo o alumeado que queda pendente en Tui supera os tres millóns de euros?
• ¿E a pregunta máis importante: cando se fai unha inversión en aforro enerxético, en que prazo se recupera realmente esa inxente inversión e este novo endebedamento?
O voceiro do Partido Popular, Nico Montes, subliñou que “o Concello de Tui vive grazas ao remanente de tesourería, que se reduce a pasos axigantados. Pedir agora un préstamo millonario é unha temeridade que hipotecará o futuro económico do municipio. Tui non debe hipotecarse, senón planificar con rigor para garantir servizos de calidade á cidadanía. No PP dicímolo con claridade: non imos apoiar este disparate nin a improvisación constante dun goberno sen proxecto”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario