O Club de Lectura María Tydeska inicia unha nova temporada
• As persoas interesadas poden inscribirse até o 26 deste mes na Biblioteca Municipal
Infogauda / Tui
Até o venres 26 deste mes de setembro está aberto o prazo de inscrición para cubrir as prazas vacantes no Club de Lectura María Tydeska, da Biblioteca Municipal de Tui. Os requisitos son ter cumpridos os 18 anos, contar co carné de socio/a da Biblioteca de Tui ou da Rede de Bibliotecas de Galicia.
As persoas integrantes do Club de Lectura na temporada 2024/25 manteñen a súa praza. Aquelas que desexen incorporarse deben inscribirse persoalmente na propia biblioteca no edificio Francisco Sánchez ou enviar un correo electrónico a biblioteca@tui.gal, non podendo unha persoa usuaria inscribir a outra. Unha vez completadas as prazas vacantes por rigoroso orde de inscrición formarase unha lista de agarda.
O venres 26 de setembro comunicarase a todas as persoas inscritas a súa integración no Club de Lectura María Tydeska ou na lista de agarda para cubrir as vacantes que se produzan.
Un club de lectura é unha xuntanza periódica onde un grupo de persoas comentan diferentes libros, obras que previamente cada un deles leu de xeito individual.
A conversa varía dunha sesión a outra, pois xira arredor de aspectos moi variados: o estilo literario, a temática da obra, o pensamento do autor ou autora, amén das impresións persoais ou das emocións que o texto evoca nos lectores... Todo ten cabida. Este encontro e posta en común resulta moi enriquecedor, pois favorece que os participantes amplíen os seus puntos de vista, perciban detalles que se lles pasaran por alto, ou enfoquen os textos dun xeito diferente.
Participar é de balde, e a biblioteca proporciona os libros para cada sesión. As actividades desenvolveranse desde o mes de outubro de 2025 ata xuño de 2026 cunha sesión o segundo mércores de cada mes. Lerase un libro diferente de cada vez, procurando que as propostas lectoras sexan diversas e variadas.
Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, este club de lectura é unha nova oferta de promoción da lectura e de participación que promove a Biblioteca Municipal tudense.
Ningún comentario:
Publicar un comentario