1 de set. de 2025

TOMIÑO

Tomiño rende homenaxe a Castelao cun gran concurso de pintura mural  

   Con este certame o Concello busca dar vida á figura e legado do escritor galego no 75 aniversario do seu pasamento cun mural na avenida de República Arxentina  

   As persoas interesadas poderán enviar os seus portafolios do 1 ao 14 de setembro a cultura@tomino.gal  




Infogauda / Tomiño

 A memoria de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, un dos grandes referentes da Galicia contemporánea, cobrará nova forza en Tomiño este 2025. O Concello pon en marcha o Concurso de Pintura Mural Castelao–Concello de Tomiño, unha iniciativa que conmemora o 75 aniversario do pasamento do narrador, ensaísta, debuxante, médico e político galego no Ano Castelao. 

 O certame pretende fomentar a creación artística e difundir a obra e pensamento de Castelao a través da realización dun mural na avenida República Arxentina. A convocatoria está aberta a todas as persoas maiores de 18 anos, profesionais do muralismo ou da arte plástica, de xeito individual ou en equipo, sen importar o país de residencia. 

 “Este concurso é unha oportunidade única para unir arte, memoria e identidade. Castelao é un símbolo da nosa cultura e do noso compromiso colectivo coa liberdade e coa dignidade de Galicia. Queremos que o seu legado viva nos nosos espazos públicos, que a súa figura fale tamén dende as paredes e rúas de Tomiño”, destaca a alcaldesa, Sandra González. 

 A rexedora subliña ademais a aposta estratéxica do Concello pola cultura como motor social e de cohesión, xa que “con iniciativas como esta, Tomiño dálle voz ás creadoras e creadores, promove a participación e fai da arte unha ferramenta de encontro. É unha maneira de que a veciñanza se sinta orgullosa do seu espazo e da súa historia”. 

 O proceso de participación desenvolverase en dúas fases: primeiro, a presentación dun informe profesional que será avaliado por un xurado composto por persoas expertas, representantes do Concello e membros da Fundación Castelao; despois, a selección de 5 artistas finalistas, que recibirán 200 € en concepto de honorarios para elaborar unha proposta de deseño adaptada ao muro. Entre estas, o xurado escollerá o mural gañador e dous finalistas. As persoas interesadas en participar poderán enviar os seus portafolios do 1 ao 14 de setembro a cultura@tomino.gal

 Os premios serán de 1.800€ para a execución do mural con materiais e gastos incluídos para a persoa gañadora, 300€ para o segundo premio e 200€ para o terceiro. 

 O 17 de setembro publicarase o nome das e dos artistas seleccionados, que terán ata o 2 de outubro para presentar as súas propostas de deseño. O 10 de outubro anunciaranse os premios para a continuación comezar coa execución do mural.  

 Bases completas do concurso na web municipal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario