Luis López anuncia a concesión das axudas +Novaqua 2025, que destinarán 300.000 € á regularización das traídas de augas veciñais en 28 concellos
• Benefícianse desta liña de axudas 61 comunidades de augas que recibirán entre 2.100 € de contía mínima e os 6.000 € de máxima
Infogauda / Pontevedra
Luis López acaba de anunciar que a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a concesión das axudas +Novaqua 2025, que destinarán 300.000 € á regularización das traídas veciñais en 28 concellos. Tal e como informou o presidente provincial, benefícianse desta liña de axudas 61 comunidades de augas da provincia que recibirán entre 2.100 € de contía mínima e o 6.000 € de máxima. “A elevadísima demanda destas axudas está a poñer enriba da mesa a necesidade existente entre o movemento veciñal e asociativo, ignorado polo anterior goberno provincial”, remarcou López.
“Era preciso atender ás asociacións e imos seguir apostando por elas, impulsando plans e programas específicos que permitan dar respostas ás súas necesidades”, asegurou o presidente provincial quen recordou que esta é unha das tres liñas de axudas dirixidas ao movemento veciñal postas en marcha polo goberno da Deputación: Provincia Comunitaria, +Aqua e +Novaqua, dotadas este ano coa cifra récord de 5 millóns de euros.
En liñas xerais, tal e como detallou o presidente, 85 comunidades de usuarios de auga presentaron solicitudes para optar ás axudas +Novaqua. Delas 9 quedaron excluídas por non posuír os requisitos fixados nas bases da convocatoria e outras 7 non presentaron a documentación no prazo esixido nin emendaron a solicitude. Ao ser maior a demanda que o crédito dispoñible, pese a incrementar a súa dotación pasando dos 100.000 € iniciais aos 300.000 €, foi preciso, tal e como recollen as bases das axudas, realizar un sorteo a través do cal se seleccionaron as 61 comunidades de augas beneficiarias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario