O Concello de Mos inicia a extinción do contrato coa empresa do SAF sen informar o persoal
• A representación da CIG solicitara unha reunión cos responsábeis municipais en agosto para abordar os graves incumprimentos laborais de Serveo
Infogauda / Mos
A CIG denuncia que as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Mos souberon polas redes sociais que o Goberno local vén de iniciar un expediente de extinción do contrato con Serveo, a empresa adxudicataria. Dende a central sindical lembran que o pasado 26 de agosto solicitaran unha xuntanza cos responsábeis municipais para abordar os graves incumprimentos laborais por parte da compañía.
Xunto coa solicitude de reunión a CIG rexistrara no Concello unha denuncia interposta diante da Inspección de Traballo por cuestións como a falta dun plan de prevención de riscos e de rexistro de xornada, así como descansos, xornadas irregulares e contratación.
Problemáticas que se iniciaron nada máis poñerse en marcha o servizo o pasado 9 de abril, data na que “a organización sumiuse nun auténtico caos, tanto para o persoal como para as persoas usuarias”. Diante disto, a representación legal das traballadoras mantivo varias xuntanzas coa empresa reclamando a normalización da actividade, “pero nun primeiro momento Serveo culpou a anterior adxudicataria do traspaso de información”.
Tras catro meses e catro encontros sen acadar acordos básicos como a entrega do documento de subrogación, o recoñecemento das antigüidades ou a consulta dos cuadrantes para comprobar xornadas e horarios, a CIG procedeu a denunciar os feitos diante da autoridade laboral.
Neste tempo os responsábeis municipais negáronse sempre a recibir as traballadoras, que solicitaran ser escoitadas antes da elaboración do prego de condicións da actual adxudicación coa intención de que se melloraran as súas condicións e se protexeran fronte os abusos das posíbeis licitadoras.
“Non esquezamos que a atención das persoas depende nun 90% do traballo do persoal auxiliar, polo que o servizo so pode mellorarse coidando as traballadoras, escoitando as súas necesidades e poñendo os medios necesarios para garantir a súa protección”, indican desde a CIG.
Pola contra, o persoal encargado do servizo segue a ser silenciado polo Concello, que o considera persoal externo a traspasar a empresas intermediarias “cuxa única intención é a facturación de cartos públicos obtendo un beneficio que conseguen a base da precariedade e usurpación de dereitos laborais”.
Agora, tras ter coñecemento do inicio dun expediente de extinción do contrato sen ter informado as propias traballadoras a CIG esixe a convocatoria dunha reunión urxente na que se aborde a xestión directa do servizo, se asuman responsabilidades de protección das auxiliares e se lles explique ás traballadoras cal é a súa situación actual e como se van afrontar no inmediato os graves incumprimentos en materia laboral.
Ningún comentario:
Publicar un comentario