Luisa Sánchez sinala a conxunción entre cultura e natureza que singulariza a aposta do festival The Wild
• A sede de Vigo da Deputación de Pontevedra acolleu a presentación do festival, que terá lugar entre o 5 e o 7 de setembro en San Miguel de Oia co apoio da institución provincial
Infogauda / Vigo
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, sinalou este xoves a "singular unión entre cultura e natureza" que terá lugar entre o 5 e o 7 de setembro no parque forestal de San Miguel de Oia a través do festival The Wild, cuxa presentación oficial acolleu a sede de Vigo da institución provincial. "Nesta sétima edición ides volver encher ese precioso espazo natural da nosa cidade coa mellor música da man de bandas como Ilegales, Sr. Salvaje, Netta Rufina ou Los Mortymer", puxo en valor a vicepresidenta en referencia a algúns dos cabezas de cartel.
Luisa Sánchez lembrou que "acollemos esta presentación na nosa sede porque queremos que sexa o exemplo do apoio que sempre atoparedes nesta institución", e tamén puxo en valor outros aspectos do programa de The Wild como "o concurso de bandas emerxentes que dá visibilidade a eses artistas que están comezando e que quen sabe se no futuro se converterán en 'encheestadios'", así como as proxeccións de cinema e as actividades infantís e de lecer coa natureza como protagonista.
A vicepresidenta da Deputación deu os parabéns á organización por "unha das iniciativas máis especiais da cidade e da provincia", e tamén pola súa "responsabilidade á hora de concibir os principais eixos nos que se basea o festival: o compromiso total co benestar do Planeta e a aposta firme por un ambiente roqueiro pero tamén tranquilo e familiar". Sánchez lembrou o "compromiso firme da Deputación coa cultura, xa que non se trata só dun sector da sociedade, senón que é un patrimonio e un legado que temos que impulsar e protexer", e destacou a necesidade de "ofrecer iniciativas como The Wild, que satisfán a demanda doutro tipo de públicos que escapan dos escenarios masivos".
Ningún comentario:
Publicar un comentario