Os Tardeos na Praza comezan no Rosal cunha xincana acuática para mollarse de diversión
• O Concello prepara unha refrescante xornada de balde para a infancia este xoves 10 de xullo ás 19.30 horas na praza do Calvario
Infogauda / O Rosal
Verán refrescante no Rosal. O Concello prepárase para combater a calor cunha orixinal proposta, unha xincana acuática para a rapazada, unha actividade de balde que dará o pistoletazo de saída aos Tardeos na Praza, un programa que este verán encherá de vida e dinamismo a praza do Calvario durante os meses de xullo e agosto.
A primeira cita será este xoves 10 de xullo ás 19.30 h cunha xincana acuática de balde para que nenas e nenos poidan gozar dunha tarde pasada por auga. Haberá probas divertidas como brilé con esponxas, desafíos de puntería con pistolas de auga, lanzamento de globos con paracaídas, un circuíto de obstáculos acuático e moito máis, asegurando que todas e todos os participantes rematen empapados de pés a cabeza e co mellor dos sorrisos.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que “cos Tardeos na Praza queremos que a nosa veciñanza viva un verán diferente, poñendo en valor os nosos espazos públicos como escenario de lecer, encontro, diversión e convivencia. Esta xincana acuática é só o comezo dun programa deseñado para conseguilo”.
Os Tardeos na Praza traerán catro xornadas con propostas para públicos moi diversos, enchendo de vida e dinamismo a praza do Calvario e reforzando a aposta do Concello por iniciativas que favorezan o lecer e a convivencia durante os meses de verán e durante todo o ano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario