O BNG reclama á Deputación que use o seu superávit para acadar a ‘debeda cero’ e liberar así 28 millóns de euros para investimentos
• O voceiro César Mosquera subliña que a administración provincial ten 48 millóns de euros dispoñibles de superávit para amortizar préstamos
Infogauda / Pontevedra
O BNG reclamou hoxe ao goberno da Deputación que utilice o seu superávit para acadar a ‘débeda cero’ na institución e liberar 28 millóns de euros dispoñibles para investimentos nos concellos da provincia. Así o reclamou hoxe o voceiro César Mosquera, lembrando que o PP sempre defendeu o obxectivo de anular a débeda na institución provincial. “Agora que o poden facer vostedes, pétame a cabeza que non o fagan”, subliñou o nacionalista.
Mosquera realizou a petición da ‘débeda cero’ ao PP despois das críticas do presidente Luís López ao anterior goberno bipartito por ter solicitado préstamos para afrontar obras. O voceiro destacou que nestes momentos a Deputación ten un superávit de 48 millóns de euros que, polas restricións da Lei Montoro, non pode utilizar na súa totalidade ata que amortice a totalidade da débeda provincial existente, que nestes momentos rolda os 20 millóns de euros.
Explicou o portavoz do Bloque que, se dos 48 millóns do superávit existente, se destinasen os 20 millóns mencionados a amortizar aos préstamos, quedarían outros 28 millóns totalmente liberados para poder repartir entre os concellos no Plan + Provincia, en plans extraordinarios e en convenios de colaboración. Sen embargo, segundo Mosquera, o goberno do PP non está a apostar por esa vía para manter o relato de que a anterior Corporación do BNG-PSOE deixou nas arcas provinciais unha débeda ‘inasumible’, cando esa afirmación, dixo, é totalmente incorrecta.
Mosquera lembrou que a xestión económica do anterior goberno fixo que a débeda da Deputación pasase dos 54,871 millóns de euros a 1 de xaneiro de 2015 (ano da entrada do bipartito) a 25’24 millóns de euros no 1 de xaneiro do 2023, ano de saída do goberno de coalición. Subliñou que nese período de xestión conseguiuse amortizar máis da metade do endebedamento previo.
“Resulta que o problema é que o goberno anterior aumentou moito a débeda cando a reduciu a menos da metade. Agora, se vostedes amortizasen os 20 millóns que lle quedan por pagar, terían case 30 millóns para actuacións, e ademais non terían que amortizar nin pagar intereses nos anos seguintes. Pero resulta que iso é un gran problema. (...) Nestes momentos que lle convén economicamente á Deputación facelo, sorpréndeme moitísimo que non se faga con inventos de grande calibre. Pétame a cabeza”, indicou.
De feito, Mosquera amosouse profundamente sorprendido por tanta resistencia do goberno do PP actual a facer esa operación. Indicou que neste mandato do Partido Popular hai obsesión con “emendar a plana a todo o que fixo o PP antes do 2015”. Subliñou que dende 2010 a 2015 o portavoz económico provincial, Chema Figueroa, defendía -de forma insistente- que o obxectivo era deixar a Deputación con débeda a cero, unha liña coa que o goberno actual choca de maneira frontal.
Xulgados en Vigo
Sobre a moción do PP sobre os xulgados de Instrución e de Violencia contra a Muller en Vigo, o BNG abstívose por considerar que a petición ‘popular’ era insuficiente para a mellora da xestión xudicial na cidade olívica. O Bloque defendeu a necesidade de non só manter os seus oito xulgados de Instrución actuais e da creación do novo xulgado de Violencia sobre a Muller, senón de esixir tamén gardas xudiciais 24 horas, algo que o goberno provincial rexeitou.
A deputada Manuela Rodríguez subliñou que “quen queira reforzar o sistema xudicial en Vigo ten que cumprir coas melloras que demandan as persoas profesionais da xustiza, que levan demandando as gardas 24 horas co beneplácito do Ministerio de Xustiza”. “Simplemente se trata de que o goberno da Xunta decida implantalas e consecuentemente orzamentalas para poñelas en marcha. Se traen vostedes unha proposta que está coxa –dixo dirixíndose ao PP-, que lle falta complementar coa solicitude das gardas, obviamente non podemos pasala e facemos unha emenda nese sentido. Con toda a lexitimidade poden rexeitala”, dixo a nacionalista, subliñando que desta maneira as e os ‘populares’ quedou retratado.
Rodríguez lembrou que o BNG no Congreso xa presentou iniciativas polas gardas 24 horas en Vigo da man do deputado Néstor Rego hai anos. Subliñou que “xa entón nos parecían fundamentais. Seguen a parecernos fundamentais hoxe e a única pexa que hai para poñelas en marcha é o goberno da Xunta que decide non investir. Votar en contra é non querer que o sistema xudicial en Vigo funcione. Vostedes mesmos se non queren aprobar”, afeou a deputada, criticando a “eterna lea partidista e o ‘pimpampúm’” no que PP e PSOE converteron o debate sobe os xulgados no Pleno provincial.
Condena pola falta de explicacións e desculpas sobre conselleiro do Mar
Por outra banda, o BNG votou a favor da moción do PSOE sobre a petición de responsabilidades e desculpas polo comportamento do presidente da Xunta ante a denuncia por agresión sexual contra o conselleiro do Mar. A pesar do voto, o grupo provincial do Bloque decidiu non intervir na súa quenda por considerar que tanto PSOE como PP están a facer un uso indebido da Deputación como institución para abordar cuestións que non son da súa competencia simplemente para atacarse entre eles.
O BNG destaca que nas cuestións de violencia contra a muller, e sobre o acoso do conselleiro en concreto, hai un posicionamento claro por parte da formación nacionalista que xa foi defendido “nas institucións que corresponde” por parte da súa portavoz nacional Ana Pontón e a deputada Noa Presas. Lembra o Bloque que a súa condena foi enérxica tanto pola actitude do conselleiro como do presidente Rueda por non dar as necesarias explicacións ao manter no cargo ao seu responsable de área a pesares de coñecer dende facía meses a existencia da acusación de agresión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario