Melodías contemporáneas de saxofón co concerto de Lítore Quartet no Rosal
• O cuarteto actuará o mércores, 25 de xuño, ás 21.00 h, na igrexa de Santa Mariña, onde ofrecerá unha actuación única con entrada libre
Infogauda / O Rosal
A igrexa de Santa Mariña converterase nun escenario de excepción para acoller unha das propostas musicais máis innovadoras do panorama actual. Será o mércores, 25 de xuño, ás 21.00 h, cando o público do Rosal e visitantes, poderán gozar dunha actuación única do Lítore Quartet, un cuarteto de saxofóns que combina a excelencia interpretativa coa creación contemporánea e o compromiso social.
Formado por Jaime Estévez (saxofón soprano), Sira Pellicer (saxofón alto), Hugo Lomba (saxofón tenor) e Miquel Flores (saxofón barítono), o Lítore Quartet naceu no ano 2019 no Conservatorio Superior de Música das Illas Baleares. Desde entón, ten participado en numerosos festivais e colaboracións culturais que lle valeron un recoñecemento cada vez maior grazas á súa proposta artística fresca, dinámica e cun forte valor expresivo.
A agrupación destaca pola súa aposta decidida pola nova creación musical, traballando de forma regular con compositores/as actuais, e encargando obras que amplían o repertorio para cuarteto de saxofóns. O resultado é unha experiencia sonora única, onde cada peza convida á reflexión e conecta coas inquedanzas da sociedade contemporánea.
Este concerto, de entrada libre, enmárcase na programación cultural do Concello do Rosal, que continúa a apostar pola cultura viva e de calidade, ofrecendo ao respectable público a posibilidade de desfrutar de propostas artísticas actuais nun espazo patrimonial tan especial como é a igrexa de Santa Mariña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario