Temporal
Losada informa ao alcalde de Pazos de Borbén da conveniencia de reclamar á Xunta á declaración de emerxencia polo temporal Martinho
O subdelegado advirte de que só coa actuación previa da Xunta ábrense ás portas ás axudas autonómicas e ás estatais
“Unha vez máis pasou un temporal cun importante impacto na nosa provincia e non houbo reacción”
Infogauda / Pazos de Borbén
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, visitou o Concello de Pazos de Borbén e comprobou os danos producidos o pasado día 21 polo temporal Martinho na Casa do Concello, onde os refachos de vento levantaron boa parte da cuberta. Acompañado do alcalde, Luciano Otero, e dos/as concelleiros/as Anselmo Táboas e Victoria Couñago, supervisou a situación, que está a afectar directamente aos servizos que recibe a veciñanza de Pazos.
Losada expresou a súa estrañeza polo feito de que o Goberno da Comunidade Autónoma non se tivera posto en contacto aínda co alcalde de Pazos, un concello pequeno e con recursos limitados, para ofrecerlle axuda. Neste senso, recomendoulle ao alcalde que reclame da Xunta esta declaración formal da emerxencia para abrir as portas ás axudas autonómicas e estatais.
O subdelegado informou ao alcalde de que a declaración de “zona catastrófica”, ou sexa Zona Afectada Gravemente por unha Emerxencia de Protección Civil (ZAGEPC), esixe que a Xunta de Galicia declare previamente a emerxencia de nivel 2 (coordinación autonómica) ou, cando menos, de nivel 1 (coordinación local). E ningunha destas circunstancias se deu co temporal Martinho, como tampouco se deron o pasado mes de outubro co temporal Kirk, cando os concellos volveron quedar sós na reparación dos desperfectos.
“Están a pasar cousas tan sorprendentes como que a Xunta intentara unha imaxinativa declaración de “zona catastrófica” pola mortandade de marisco nas rías a causa da baixa salinidade, cando era evidente que aquilo non encaixaba cos parámetros dunha emerxencia de protección civil”, afirmou, “mentres tanto se mira para outro lado cando os concellos sofren danos de consideración nos servizos municipais por vento ou inundacións, cuestións que si se atenden noutras comunidades autónomas”.
O subdelegado visitou as instalacións municipais e comprobou que o tellado xa foi retirado por completo nun lateral do edificio, provisionalmente protexido por unha lámina plástica. Ademais tivo ocasión de poder observar os evidentes danos no salón de plenos, situado xusto debaixo da zona afectada, onde se produciron filtracións de auga aínda por valorar, pero con evidentes danos no solo, nas butacas e no mobiliario.
Ningún comentario:
Publicar un comentario