O Concello de A Guarda conmemora o 8M poñendo o foco na repartición dos coidados
Infogauda / A Guarda
O 8 de marzo conmemórase o Día Internacional da Muller, que nos lembra a continua loita das mulleres por unha igualdade real na sociedade.
Con ese motivo, na xornada de onte, proclamáronse diferentes manifestos no Concello de A Guarda. O acto abriuno a concelleira de Xuventude e Participación Cidadá, Carla Lomba Quintas, que fixo fincapé na importancia de que a loita pola igualdade continúe sen dar un paso atrás nos logros xa conseguidos. Ademais, puxo de relevo a repartición desigual entre homes e mulleres nas tarefas de coidados.
Esta mesma idea recalcouna Carmen Goyás Perujo, falando en representación do Grupo de Resiliencia do Centro de Información a Muller (CIM) de A Guarda. Expuxo como esta desigualdade causa que as mulleres reduzan xornada ou deixen os traballos, diminuíndo a súa independencia e capacidade económica a medio e longo prazo.
Para pechar o acto, Arantxa, Xiana e Alba, alumnas de 2º de Bacharelato do IES A Sangriña, intercalaron a lectura de poemas de mulleres co seu manifesto, no que reclamaron a importancia do consentimento para a liberdade sexual das mulleres e mozas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario