13 de feb. de 2025

GALICIA

CCOO apoia o nomeamento de Xesús Alonso Montero como fillo adoptivo de Lugo, un «xesto de xustiza»  


Intervención de Xesús Alonso Montero nun acto de CCOO pola memoria histórica, en 2022 

Foto: Arquivo CCOO 

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

 O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia expresa o seu total apoio ao nomeamento de Xesús Alonso Montero como fillo adoptivo de Lugo, un recoñecemento «máis ca merecido» a unha traxectoria de loita e compromiso coa lingua e a cultura galegas, así como pola recuperación da democracia no noso país. A organización sindical agradécelle ao Concello de Lugo este «xesto de xustiza» cunha figura clave da historia recente de Galicia. 

 Para CCOO, a valía de Alonso Montero «está fóra de discusión». Precisamente, o sindicato e a súa fundación concedéronlle hai dúas décadas, en 2004, un dos Premios 10 de Marzo polo seu papel na defensa dos dereitos da clase traballadora e na loita contra o franquismo. Xa en 2012, a Unión Comarcal de CCOO de Vigo tamén o fixo merecente dunha distinción nos Premios Primeiro de Maio ao Compromiso Social e á Solidariedade.  

 Ao longo da súa vida, o profesor, académico e ensaísta participou activamente nos movementos sociais, destacando pola súa firme oposición á ditadura e o seu compromiso coa recuperación da memoria histórica, especialmente tras a súa xubilación.  

A defensa de Galicia transcende as siglas  

 A proposta de nomealo fillo adoptivo do Concello de Lugo sairá adiante cos apoios dos grupos municipais do PSdeG —que o propón— e do PPdeG —que anunciou o voto favorable—. Ante o anuncio do BNG de rexeitar a iniciativa, CCOO pídelle «altura de miras» para reconsiderar a postura.  

 Para CCOO, o recoñecemento institucional a unha traxectoria «longa e prolífica» como a do profesor Alonso Montero non merece «ser ensombrecido por unha falsa polémica que se basea en consideracións subxectivas e nas diferenzas de pensamento e de proxecto de país».  

 A defensa de Galicia, da súa lingua e cultura, «é un proxecto colectivo que debe transcender as distintas siglas políticas». Neste sentido, «a pluralidade de pensamentos e enfoques é unha fortaleza da sociedade galega e non pode, polo tanto, ser motivo de reproche», conclúe o sindicato.

Ningún comentario:

Publicar un comentario