BALONMÁN FEMININO
Liga Guerreras Iberdrola
O Mecalia Atlético Guardés recibe ao Rocasa Gran Canaria, en busca de mellores sensacións
• Este sábado ás 20.00 horas, na Sangriña, no Partido Estrela da xornada, emitido por Teledeporte
• As de Ana Seabra, afianzadas no liderado, loitarán contra a férrea defensa canaria por obter mellores sensacións e minimizar os erros dos seus últimos encontros
• Non hai baixas adicionais a Elena Martínez e Ania Ramos. Coñeceranse máis detalles sobre a evolución desta última moi pronto
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés recibe esta fin de semana ao Rocasa Gran Canaria. Será este sábado 15 de febreiro ás 20:00 horas, cando o pavillón municipal A Sangriña acollerá o encontro de décimo sétima xornada da Liga Guerreras Iberdrola, fronte a un rival veterano da metade alta da táboa. Será ademais o Partido Estrela da categoría esta semana, emitido en directo a través de Teledeporte. Continúa a mesma situación no plantel guardés, no que se manteñen as baixas de Elena Martínez e Ania Ramos. Nos vindeiros días coñeceranse máis detalles sobre o posible tempo de recuperación estimado para esta última.
O Mecalia Atlético Guardés chega ao encontro afianzado no liderado, en medio dunha serie de nove vitorias consecutivas despois de vencer a pasada semana na casa do Balonmano Zuazo Femenino (22-30). O Mecalia Atlético Guardés sairá desta xornada con dous puntos de vantaxe asegurados sobre o seu principal rival polo primeiro posto, o Costa del Sol Málaga, que esta xornada xa xogou e derrotando precisamente ao Super Amara Bera Bera, con quen se disputaba pola súa parte o segundo lugar.
Porén, dende a cabeza da clasificación e a pesares do folgado dos seus recentes resultados, as de Ana Cristina Teixeira Seabra non acumularon sensacións do todo positivas nos seus últimos encontros. Pasaron primeiras partes complicadas, e se ben cada semana demostran que os 60 minutos de partido son cruciais ata o derradeiro momento, sabendo recompoñerse no marcador á volta do descanso, o Mecalia Atlético Guardés segue a traballar en corrixir os erros e imprecisións que lle impediron asinar as súas últimas vitorias con máis comodidade.
En canto á convocatoria, continúan as dúas ausencias xa habituais no Mecalia Atlético Guardés: Elena Martínez e Ania Ramos. Desta última, operada a pasada semana con éxito da súa rotura en dous ósos da man esquerda, coñeceranse máis detalles moi pronto e poderá estimarse aproximadamente unha data de retorno ás pistas, se ben a palentina aínda se manterá fóra da competición durante unhas semanas.
Unha xornada máis, as de Ana Cristina Teixeira Seabra terán que sobrepoñerse ás baixas e espremer ao máximo un curto plantel. A falta de dez encontros para finalizar a Liga regular, o Mecalia Atlético Guardés sabe que ningún chanzo do camiño será doado e que cada movemento é vita. E por todo iso, as perdas de balón, o desacerto no lanzamento a porta e outros signos de desconcentración no xogo non teñen cabida no seu nivel de desempeño actual. Menos aínda este sábado, xa que o equipo recibirá na Sangriña a un rival veterano da categoría.
E pola súa parte, o Rocasa Gran Canaria chega ao encontro dende a sexta posición da táboa, cun equilibrado historial de sete vitorias, cinco empates e catro derrotas. As de Telde, veteranas na elite, semellan comezar a atopar o seu sitio despois dun inicio de tempada máis ben complicado, e sitúanse ademais coma o equipo menos goleado da categoría só por detrás do Mecalia Atlético Guardés, cunha media de algo máis de 22 tantos encaixados por partido.
Coa súa férrea defensa como arma, as de Carlos Herrera chegan á Guarda motivadas despois de asinar unha nova vitoria en Elda e de poñer en apuros nas últimas xornadas a importantes rivais coma Málaga ou Porriño, aos que fixo sumar un empate en cada caso. Non cabe dúbida de que buscarán repetir, ou mesmo mellorar, a fazaña contra o líder, ao que xa fixeran sufrir no seu pasado encontro. Ambos equipos cruzáranse na cuarta xornada ligueira o pasado mes de outubro, precisamente nun disputado choque insular que se decidiu nos derradeiros minutos ao favor do Mecalia Atlético Guardés (25-27). Por todo iso, as de Ana Cristina Teixeira Seabra farán todo o posible por tirar da súa calidade de anfitrioas e valerse da afección do Inferno para frear as pretensións dun equipo coas mesmas ganas de seguir medrando.
Ana Seabra: “Sabemos que vai ser un partido moi difícil”
A adestradora do Mecalia Atlético Guardés, Ana Cristina Teixeira Seabra, confirma que prevén un encontro complicado. “Xa sabemos que vai ser un partido moi difícil, ímonos enfrontar a un equipo que foi mellorando e que sen dúbida quere seguir sumando puntos para subir na clasificación”, indicou a técnica, que de novo insiste na importancia de non subestimar a ningún rival.
Seabra considera que as canarias teñen “unha boa primeira liña de tiro exterior e unha boa relación coa segunda liña”, e apunta que as súas terán que estar moi pendentes de varias xogadoras de Telde “que teñen moita experiencia individual”. A preparadora do Mecalia Atlético Guardés destacou igualmente a forte defensa do seu próximo rival, colofón para un conxunto de elementos polos que as do Mecalia Atlético Guardés terán “que estar moi concentradas, ser intelixentes e efectivas no noso xogo de ataque, cometendo poucos erros”.
Polo demais, a adestradora do equipo da Sangriña deixa claras as súas intencións na casa unha semana máis: “Queremos sumar dous puntos máis que serán moi importantes”, sentencia.
AXENDA
Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 17
Mecalia Atlético Guardés – Rocasa Gran Canaria
Sábado, 15 de febreiro | 20:00 horas | Pavillón da Sangriña
Será emitido en directo en Teledeporte:
https://www.rtve.es/play/videos/directo/deportes/balonmano-guardes-gran-canaria-liga-guerreras/
Ningún comentario:
Publicar un comentario