10 de xan. de 2025

TURISMO

A Xunta de Galicia vai presentar en Fitur 2025 o seu programa anual de promoción turística nunha aposta pola consolidación como destino acolledor, auténtico e con proxección internacional 

 Turismo de Galicia participa cun posto centrado na sostibilidade onde a riqueza natural, os recursos culturais e a calidade son os eixes fundamentais 

O expositor, que acollerá a actividade promocional de Galicia ata o 26 de xaneiro, integrará elementos da naturez,a de costa, do interior e do clima como refuxio, representados pola rica vexetación e a biodiversidade da comunidade. Terán presenza recursos culturais a través do patrimonio material e inmaterial xunto coa herdanza natural milenaria que continua viva repercutindo en ámbitos sociais e económicos 

Foto:X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 Galicia presentará a súa proposta de promoción anual como destino turístico a partir do vindeiro 22 de xaneiro en Madrid na Feira Internacional de Turismo, Fitur, cunha aposta por consolidarse como un destino acolledor, auténtico e con proxección internacional. Farao cunha proposta programática na que as xentes, o clima, a natureza, a calidade e os recursos culturais adquiren un protagonismo especial na procura de atender a un turista que busca, cada vez máis, experiencias vitais enriquecedoras.  

 Un espazo que recibirá aos visitantes co lema ‘Xa estás en Galicia!’ daralles a benvida a unha comunidade onde a calidade, a biodiversidade e a sostibilidade serán os eixos dun percorrido polo patrimonio material e inmaterial do destino galego.  

 O expositor, que acollerá a actividade promocional de Galicia ata o 26 de xaneiro, integrará elementos da natureza de costa, do interior e do clima como refuxio,  representados pola rica vexetación e a biodiversidade da comunidade. Terán presenza recursos culturais a través do patrimonio material e inmaterial xunto coa herdanza natural milenaria que continua viva repercutindo en ámbitos sociais e económicos.  

 En base a estes principios, Turismo de Galicia contará cunha programación que desenvolverá principalmente os tres primeiros días a feira -do mércores ao venres- enfocados a profesionais, onde se prevén un total de 47 presentacións da Xunta de Galicia e de distintas entidades. Na fin de semana, Fitur abrirase ao público xeral, e será cando as actividades do expositor se complementen con actuacións e demostracións da cultura e artesanía galega. A programación completa pódese consultar na web www.turismo.gal  

Reutilización e redeseño 

 A Xunta reutiliza, cun novo deseño máis actual e na liña das demandas turísticas do momento, o posto da pasada edición, que foi galardoado co Premio ao ‘Mellor Stand de Fitur 2024’, co obxecto de seguir parámetros de sostibilidade aproveitando materiais e recursos xa dispoñibles.  

 Así, nun espazo de case 1.100m2, con máis de 25 metros de pantallas led e apoiado en imaxes gráficas, o espazo transmitirá valores e sensacións que tentarán aproximarse ás emocións que poderán sentir os visitantes se elixen Galicia como destino.  

 Ademais, como cada ano, para favorecer e impulsar as relación comerciais e contactos cos empresarios do sector turístico galego, disporase dunha área específica de traballo e punto de encontro para as súas relacións comerciais.  

 O posto será atendido por informadores profesionais con formación e experiencia no eido da información turística de Galicia, acollendo e atendendo de xeito personalizado as demandas dos visitantes. 

 Fitur é das primeiras feiras turísticas do ano na que terá presenza Galicia este ano -no mes de xaneiro tamén está en Irlanda e Finlandia-, que se completará con ao redor de 30 feiras de promoción de destino máis de ámbito nacional e internacional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario