Primaprix Tui, Tu Kiosko e Ángela Gregores Estilistas, gañadores do II Concurso de Escaparates de Nadal de Tui
Infogauda / Tui
Primaprix Tui, Tu Kiosko e Ángela Gregores Estilistas son os tres establecementos gañadores do II Concurso de Escaparates de Nadal organizado polo Concello de Tui en colaboración coa Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui (ACITUI). Recibirán 300€, 200€ e 100€ respectivamente.
O obxectivo do certame foi dinamizar o comercio de proximidade e impulsar a actividade comercial, convidando aos establecementos a preparar os seus escaparates con propostas orixinais e creativas sobre o Nadal e a súa vez animando á veciñanza e visitantes a realizar as súas compras no municipio.
Tras a deliberación do xurado que elixiu os dez escaparates finalistas abriuse a votación do público, outorgando 10, 6 e 2 puntos aos tres que máis votos recibiron. Primaprix Tui obtivo 980 votos, Tu Kiosko 872 e Ángela Gregores Estilistas 632 votos.
O xurado estivo formado por Belén Quintillán, xornalista; Hilenia Iglesias, escaparatista e deseñadora; Natalia Lago, educadora ambiental; Verónica Gómez, organizadora de eventos; Arminda Espiño, deseñadora; e Miguel Pereira, técnico de iluminación.
Tras a elección dos dez finalistas a través da aplicación Easy Promos abriuse a votación para o público na que se emitiron 3.400 votos, cifra que case duplica a rexistrada a pasada edición.
Dende o Concello de Tui agradécese a participación de todos os comercios que se sumaron a este II Concurso de Escaparates de Nadal que formou parte da campaña de promoción do comercio local levada a cabo con motivo das festas de Nadal, así coma ás persoas que conformaron o xurado do certame polo seu labor. Tamén amosan o seu agradecemento a todas as persoas que participaron activamente no concurso emitindo o seu voto, así coma a todas aquelas que durante o Nadal elixiron o comercio e o mercado local para as súas compras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario