A Deputación de Pontevedra vai presentar por vez primeira na provincia, a campaña de promoción turística do 2025
• O presidente provincial Luis López, acompañado doutros membros do goberno da Deputación e dos participantes na campaña, desvelará a campaña este martes, 14 de xaneiro ás 11:00 horas, na parroquia de Tomeza, da cidade de Pontevedra
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra vai presentar por primeira vez na provincia, a campaña de promoción turística do 2025 antes da súa difusión a nivel nacional na Feira Internacional de Turismo FITUR. “Cando volves” é o eslogan da campaña que dará a coñecer o presidente provincial Luis López, acompañado doutros membros do goberno da Deputación, este martes, 14 de xaneiro ás 11:00 horas, no hotel rural Numa Experimental, da parroquia pontevedresa de Tomeza, onde se desvelará o abano inesgotable de experiencias rurais únicas que ofrece a provincia de Pontevedra.
Ata o de agora, a Deputación acostumaba estrear o vídeo promocional en Madrid, no transcurso da Feira Internacional de Turismo FITUR e, previamente, daba a coñecer unhas pinceladas do audiovisual na provincia. Deste xeito, este ano apóstase por presentar a campaña turística do 2025 en Pontevedra, nun lugar directamente relacionado coa peza principal, e por comezar a difundila a nivel nacional e internacional a partir do 23 de xaneiro, coa estrea en FITUR.
A peza pretende facer sentir a chamada do interior e os valores que proporciona, como a calma ou a paz interior. Ademais, acompañarase doutros audiovisuais que recollen diferentes experiencias, únicas, que se poden vivir no interior da provincia, desde observación astronómica, ata actividades deportivas ou tradicións tan autóctonas como o magosto.
O acto estará amenizado pola música da chelista viguesa Margarida Mariño, contará coa participación da artesá Olalla Lojo e intervirá Mónica Pereira, técnica astronómica e membro da Fundación CEO.
Ningún comentario:
Publicar un comentario