9 de xan. de 2025

O ROSAL

O Rosal comeza o ano cunha visita da unidade móbil de doazón de sangue  

  Estará situada o luns 13 de xaneiro na rúa Ramón Franco, 4, de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 h   




Infogauda / O Rosal 

 O Rosal comeza o ano salvando vidas cun pequeno xesto. O vindeiro luns 13 de xaneiro o concello recibirá unha nova visita dunha das unidades móbiles da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), un autobús aberto a todas aquelas persoas que desexen doar sangue e deixar a súa pinga de solidariedade. 

 Como vén sendo habitual, a unidade móbil estará situada na rúa Ramón Franco, nº 4, diante da sucursal de Abanca, e abrirá súas portas de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas. Dende ADOS fan un chamamento a doar especialmente a aquelas persoas con sangue A+, 0+ e 0-, xa que nestes intres as reservas destes tres grupos sanguíneos están baixas. As persoas que desexen doar sangue poderán solicitar máis información chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828. 

 O proceso, que apenas dura 10 minutos, permitirá salvar ata tres vidas por cada persoa doante. É importante lembrar que poderán doar rosaleiros e rosaleiras con máis de 18 anos e máis de 50 kg e deberán ir despois de almorzar se acoden pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se acoden pola tarde. É imprescindible levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de estar tomando algún medicamento. 

 Ademais das 10 unidades móbiles que se desprazan cada día, a Axencia Galega mantén abertos sete puntos fixos nos principais hospitais galegos na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender as necesidades diarias de milleiros de doentes os 365 días do ano. Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a todas as persoas que o necesitan. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario