9 de xan. de 2025

O PORRIÑO

O persoal de Levantina, no Porriño, mobilizarase contra o peche da empresa e o despido de 95 das 106 persoas traballadoras  

 A compañía alacantina dedicada á transformación de pedra vén de presentar un ERE extintivo  


Persoal de Levgranite, empresa do grupo alacantino Levantina, concentrado diante do centro de traballo de O Porriño

Foto: CIG

Infogauda / O Porriño 

 O persoal de Levgranite, empresa do grupo alacantino Levantina que se dedica á transformación de pedra, anunciou hoxe a convocatoria de folga e mobilizacións contra o peche da planta do Porriño e o despido de 95 das 106 persoas traballadoras que ten na localidade pontevedresa. Os outros dous centros de traballo de Levgranite -na Coruña e Manresa- non se verán afectados pola medida. 

 Representantes do comité de empresa compareceron hoxe en rolda de prensa xunto a responsábeis da CIG, CCOO e UGT (as tres centrais que integran a representación sindical con tres delegados/as cada unha delas) e o propio cadro de persoal para informar sobre a presentación do ERE extintivo por parte da compañía e ofrecer os detalles das protestas que desenvolverán para rexeitar os despidos. 

 En concreto, adiantaron unha convocatoria de folga para o vindeiro xoves 16 e unha concentración ese mesmo día diante do Concello do Porriño ás 11:00 horas. Dende a representación sindical consideran que as causas esgrimidas pola empresa -perdas económicas- non xustificarían o peche da planta e un ERE extintivo para todo o persoal.  

 Porque, segundo sinalan, a pesar de que este ano asa contas de Levgranite pecharon en negativo o certo é que a compañía leva tempo desfacéndose de comerciais claves para a venda dos seus produtos. “Non dan opción a ningún tipo de negociación, unicamente din que a planta do Porriño non lles interese e que a van pechar, deixando unicamente persoal comercial e de almacén”, denuncian dende o comité.  

 Con todo, até a finalización do período de consultas do ERE o vindeiro 6 de febreiro as partes continuarán mantendo as preceptivas reunións. A vindeira terá lugar este mesmo luns día 13, tras a que a representación sindical celebrará unha asemblea co persoal para informar sobre o contido das conversas.  

 O grupo Levantina, líder mundial no sector da pedra, xa aplicara un ERE extintivo para 161 persoas no conxunto do Estado, 18 delas no Porriño. Daquela o persoal porriñés tamén convocara mobilizacións, e a empresa rebaixou finalmente a súa pretensión inicial, que pasaba por rescindirlle o contrato a máis de 300 persoas traballadoras a nivel estatal, 33 delas no Porriño. Aínda que procedeu ao peche da fábrica Novelda 1, en Alacante.  

 Nesta ocasión o centro de traballo porriñés é o único afectado dos tres cos que conta Levgranite, xa que nin as 2 persoas traballadoras da Coruña nin as 8 de Manresa están incluídas no ERE.    

Ningún comentario:

Publicar un comentario