11 de xan. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

Liga Guerreiras Iberdrola

O Mecalia Atlético Guardés inaugura o 2025 en Elda 

• O equipo do Baixo Miño visita este domingo ás 18:00 horas a Elda Prestixio no encontro de duodécima xornada ligueira, que será retransmitido por Teledeporte 

• A vitoria ou o empate permitirían ao Mecalia Atlético Guardés recuperar o liderado que provisionalmente ostenta Málaga, agora sen ningún partido pendente e que xa xogou esta xornada 

• Continúa a ausencia por enfermidade de África Sempere e cáese tamén da convocatoria Cecilia Cacheda, por precaución, que segue recuperándose da contusión nun dedo da man esquerda 




Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés vai inaugurar o 2025 esta fin de semana en Alacante coa duodécima xornada da liga Guerreiras Iberdrola 2024/2025. Este domingo 12 de xaneiro ás 18:00 horas, as de Ana Cristina Teixeira Seabra visitarán ao Elda Prestixio en busca dunha nova vitoria, no que será ademais Partido Estrela da xornada e retransmitirase por Teledeporte. E farao soportando o peso de importantes baixas, xa que continúa a ausencia de África Sempere por enfermidade, e finalmente tampouco puido incorporarse á convocatoria Cecilia Cacheda, que por precaución continúa recuperándose dunha contusión nun dedo da man esquerda. 

 O Mecalia Atlético Guardés chega ao encontro despois de pechar o 2024 co mellor sabor de boca posible, ao conseguir unha traballada e fortalecedora vitoria ante o Porriño no Derbi As Nosas previo ao parón do Nadal. Aquel partido foi unha verdadeira festa na Sangriña e o Mecalia Atlético Guardés fixo practicamente todo o que quixo, dominando o partido con comodidade de principio a fin e sen permitir que os seus rivais chegasen nin sequera a empatalo en ningún momento (26-22). 

 Grazas a aquela vitoria as da Guarda seguen hoxe na loita polo máis alto da clasificación. Foron dous valiosos puntos cos que seguir pelexando contra Costa do Sol Málaga, que terminou esta xornada xa sen ningún partido pendente e con dúas novas vitorias que, a falta do encontro de mañá en Elda, devolvéronlle o liderado. A pelota para recuperar o primeiro posto está agora no tellado das de Ana Cristina Teixeira  Seabra, un punto por detrás das malagueñas e con maior diferencia de goles ao seu favor. O partido de Alacante será clave neste sentido, para terminar a primeira volta da tempada con forza na loita polos primeiros postos, aínda que o Mecalia Atlético Guardés mantén a mesma mentalidade que ata o de agora e non busca preocuparse polos números tanto como polo seu xogo. 

 As preocupacións do Mecalia Atlético Guardés concéntranse noutro lugar. O equipo soportou unha primeira volta marcada polas baixas, e segue aínda limitado pola ausencia de Elena Martínez, que rompeu o ligamento cruzado do xeonllo dereito na cuarta xornada ligueira, mesmo cando todas as súas demais xogadoras están dispoñibles. 

 No medio da procura por unha fichaxe adecuada para suplir o seu persoal, o Mecalia Atlético Guardés xogará este domingo co peso de dúas baixas máis: a de África Sempere, que segue pasando unha enfermidade común, e a de Cecilia Cacheda, que finalmente tampouco puido unirse á convocatoria. A central lalinense temeu romperse un dedo da man esquerda no derbi do pasado día 28, e aínda que as probas médicas descartaron a rotura, continúa hoxe recuperándose da contusión e o equipo decidiu que non viaxe esta fin de semana por precaución. Ademais, nesta ocasión o Mecalia Atlético Guardés tampouco puido contar con ningunha xuvenil para reforzar a convocatoria, polo que presentará soamente a 12 xogadoras contra Elda. 

 Pola súa banda, o Elda Prestixio tamén acudirá ao encontro cun persoal curto. As de Alacante sofren de catro importantes ausencias para esta xornada: Paula Molano, Aitana Pastor, Joana Bolling e Graci Duque, e non hai dúbidas de que este foi un dos motivos polos que non pasou un bo comezo de tempada. Tras loitar pola permanencia o ano pasado (o seu primeiro de volta na primeira categoría) as de Vanesa Amorós chegan este domingo no undécimo posto da táboa, con dúas vitorias, dous empates e nun refacho de sete derrotas seguidas desde a quinta xornada ligueira. 

 O equipo non parece terminar de atopar o seu lugar na categoría este ano, sufrindo tamén de moitas perdas de balón e erros que pesaron no seu xogo. Con todo, o Mecalia Atlético Guardés non busca confiarse e lembra que sempre é unha desvantaxe xogar fóra de casa, especialmente ante unha afección como a de Elda. 

 A última vez que ambos os conxuntos víronse as caras na liga remóntase a febreiro de 2024 na Sangriña, nun partido que se saldou cunha indiscutible vitoria local (29-22); a mesma sorte que correra o seu encontro previo en outubro de 2023, cunha folgada vitoria das da Guarda esta vez a domicilio (25-38). Por todo iso, o Mecalia Atlético Guardés afronta o partido como o fixo ata o de agora, preocupado soamente por facer un xogo concentrado que sexa capaz de compensar as súas baixas. Só aí está a clave para seguir na loita polo máis alto. 

Ana Cristina Teixeira Seabra: “En casa de Elda os partidos son sempre moi equilibrados” 

 A adestradora do Mecalia Atlético Guardés, Ana Cristina Teixeira Seabra, coincide na importancia de non confiarse e non subestimar ao Elda. “Sabemos que é un equipo que vai pelexar na súa casa por tentar gañar dous puntos, que está a necesitar gañar boas sensacións de novo”, explica a técnica. 

 Seabra tamén quixo destacar o mesmo peso das lesións no seu rival: “Tamén ten un persoal curto, como nós, pero sabemos que na súa casa os partidos son sempre moi equilibrados”. A adestradora garda un forte recordo da afección eldense, e sabe o determinante que é en certas ocasións xogar fóra de casa, polo que remite ás que ata o de agora foron as claves para o xogo das súas: a concentración. “Imos ter o respecto suficiente para facer un partido enfocado e concentrado, para pensar en nós e gañar os dous puntos”, conclúe Ana Cristina Teixeira Seabra, que lembra que este encontro, como todos os anteriores, “non vai ser fácil, seguramente”. 

AXENDA 

Liga Guerreiras Iberdrola 

Xornada 12 

Elda Prestixio – Mecalia Atlético Guardés  

Domingo, 12 de xaneiro, ás 18:00 horas 

Pavillón Ciudad de Elda Florentino Ibáñez| 

Emitido directo en Teledeporte: https://www.rtve.es/play/videos/directo/deportes/balonmano-elda-prestixio-mecalia-atletico-gardes-liga-guerreiras/

Ningún comentario:

Publicar un comentario